Este grao proporciona unha formación ampla nos estudos sobre a lingua, a literatura e a cultura no ámbito ánglófono. Estúdanse as diferentes ramas do saber filolóxico (gramática, pragmática, sociolingüística, historia da lingua, movementos e xéneros literarios, autoras e autores da literatura etc.) aplicadas ao inglés. Desta forma, o alumnado fica preparado para desenvolver con éxito as responsabilidades da súa actividade laboral.
Ao mesmo tempo, permite adquirir unha moi boa competencia plurilingüe (inglés, galego e español, aínda que tamén opcionalmente francés, italiano ou portugués), o que redunda de xeito positivo nas súas competencias profesionais.
As saídas laborais deste grao enmárcanse preferentemente no campo humanístico, lingüístico-literario e cultural.
Entre os principais perfís de saídas académico-laborais, cabe salientarmos os seguintes: docencia, tradución e interpretación; asesoramento e mediación lingüística, cultural e editorial; asesoramento cultural e lingüístico no mundo empresarial; crítica literaria; medios de comunicación; xestión cultural; promoción lingüística e literaria; terapia lingüística; publicidade; librarías especializadas etc.
O estudantado pode, igualmente, continuar a súa formación superior e acceder aos varios mestrados que se imparten na nosa facultade.
A Facultade de Filoloxía mantén convenios de colaboración con máis de vinte entidades para que o alumnado poida entrar en contacto co ámbito laboral. Neses convenios, que se renovan cada ano, organízanse as prácticas externas extracurriculares. Así, o estudantado entra en contacto co mundo editorial, centros tecnolóxicos, bibliotecas, institucións culturais etc. e pode comprobar en primeira persoa as posibilidades profesionais con que conta despois dos estudos.
Algúns dos organismos en que se realizan as prácticas son os seguintes: Biblioteca Pública Miguel González Garcés (A Coruña), Casa Museo de Emilia Pardo Bazán (A Coruña), Consello da Cultura Galega (Santiago de Compostela), Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Betanzos etc.
O plan de estudos do Grao en Inglés: Estudos Lingüísticos e Literarios estrutúrase en catro anos académicos organizados por cuadrimestres, excepto no segundo curso, en que dúas materias teñen carácter anual.
Nos dous primeiros cursos, todas as materias teñen carácter obrigatorio e son comúns aos graos en galego-portugués e español. A partir desta formación común, no terceiro e cuarto ano cada estudante poderá afondar no estudo da lingua inglesa e das literaturas correspondentes (británica, angloirlandesa, nortemericana etc.), apoiándose tamén nas materias complementarias e transversais.
O plan de estudos distribúese en 240 créditos, dos cales 120 son cursados no primeiro e no segundo ano académico nas materias comúns; no terceiro e cuarto ano, cursaranse 78 créditos nas materias obrigatorias, un mínimo de 18 nas materias específicas, un máximo de 18 nas materias optativas xerais e 6 no Traballo de Fin de Grao.
Esta titulación dispón de guía docente
Podes consultala para coñecer máis sobre o estudo. Na táboa inferior tamén podes consultar as guías docentes particulares a aquelas materias que dispoñen de ela.
Os estudos de grao organízanse por cursos. Fai clic nun curso para obter máis información.
Guía | Carácter | Cuadr. | créditos | |
---|---|---|---|---|
Lingua Española 1 | Formación básica | 1º | 6 ECTS | |
Lingua Galega 1 | Formación básica | 1º | 6 ECTS | |
Lingua Inglesa 1 | Formación básica | 1º | 6 ECTS | |
Lingüística Xeral | Formación básica | 1º | 6 ECTS | |
Introdución aos Estudos Literarios | Formación básica | 1º | 6 ECTS | |
Lingua e Cultura Clásica | Formación básica | 2º | 6 ECTS | |
Tecnoloxías da Información e da Comunicación | Formación básica | 2º | 6 ECTS | |
Lingua Inglesa 2 | Formación básica | 2º | 6 ECTS | |
Historia | Formación básica | 2º | 6 ECTS | |
Literatura Inglesa 1 | Formación básica | 2º | 6 ECTS |
Guía | Carácter | Cuadr. | créditos | |
---|---|---|---|---|
Literatura Española | Obrigatorio | anual | 9 ECTS | |
Literatura Galega | Obrigatorio | anual | 9 ECTS | |
Lingua Española 2 | Obrigatorio | 1º | 6 ECTS | |
Lingua Galega 2 | Obrigatorio | 1º | 6 ECTS | |
Lingua Inglesa 3 | Obrigatorio | 1º | 6 ECTS | |
Idioma Moderno: Francés | Obrigatorio | 1º | 6 ECTS | |
Idioma Moderno: Italiano | Obrigatorio | 1º | 6 ECTS | |
Idioma Moderno: Portugués | Obrigatorio | 1º | 6 ECTS | |
Idioma Moderno: Alemán | Obrigatorio | 1º | 6 ECTS | |
Literatura Inglesa 2 | Obrigatorio | 2º | 6 ECTS | |
Técnicas de Tradución | Obrigatorio | 2º | 6 ECTS | |
Lingua Inglesa 4 | Obrigatorio | 2º | 6 ECTS |
A titulación Grao en Ingles: Estudos Linguísticos e Literarios foi pensada tendo en conta a anterior licenciatura en Filoloxía Inglesa. Ao tempo, tamén se tiveron presentes os estudos lingüísticos e literarios de diferentes universidades europeas, onde é moi frecuente que se estuden cando menos dúas linguas de maneira conxunta (Francia, Italia, Portugal...) e as súas literaturas respectivas, ben como materias de lingüística, teoría literaria e tradución.
A elaboración do plan de estudos desta titulación realizouse ao abeiro das Directrices para a elaboración de títulos de grao na UDC, aprobadas polo Consello de Goberno desta universidade en 2007. Contou cunha comisión redactora composta por nove membros, na cal todos os sectores da comunidade universitaria estiveron representados (alumnado, profesorado e PAS). O anteproxecto foi exposto publicamente, debatido e, por último, aprobado pola Xunta de Facultade.
Ao longo do proceso de planificacion do grao mantivéronse diversas reunións cos decanos doutros centros (Facultade de Humanidades da UDC, Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo etc.).
O ensino do plan de estudos está a cargo de docentes dos departamentos de: Ciencias da Computación e Tecnoloxías da Información, Didácticas Específicas e Métodos de Investigación e Diagnóstico en Educación, Humanidades e Letras.
Os estudos de grao organízanse por cursos. Fai clic nun curso para obter máis información.
A UDC mantén convenios de mobilidade de estudantes con universidades e institucións de educación superior de catro continentes. Cada curso académico publícanse varias convocatorias de mobilidade de estudantes para que estes poidan cursar parte dos seus estudos nunha desas institucións (un semestre ou un ano académico completo), obtendo pleno recoñecemento académico ao seu regreso no expediente UDC do estudante.
Nesas convocatorias publícanse as prazas das que a UDC dispón para ofrecer aos estudantes dos distintos centros e, no seu caso, as condicións específicas de cada unha delas. Do mesmo xeito, todos os anos convócanse bolsas para financiar a realización de prácticas no estranxeiro por parte dos estudantes
As prácticas serán tamén recoñecidas como parte do seu expediente académico ou no suplemento europeo ao título. O estudante é libre para buscar a empresa ou institución de destino do EEES na que desexa facer as prácticas. A estes efectos, a UDC ten un taboleiro virtual no que se publican as ofertas que chegan ao seu coñecemento.
As convocatorias de mobilidade xestiónanse conxuntamente nos centros de procedencia dos estudantes, baixo a dirección dos Responsables de Relacións Internacionais dos centros, e na Oficina de Relacións Internacionais da Universidade (ORI). Os requisitos xerais para acceder a unha praza de mobilidade, os dereitos e obrigacións dos estudantes, así como o procedemento para conceder as prazas regúlanse no Regulamento de Mobilidade da UDC.
A Facultade de Filoloxía da UDC conta cunha longa tradición de participación e cooperación na elaboración de estratexias de mobilidade do estudantado, particularmente no ámbito europeo. Isto favorece o contacto con outras realidades lingüísticas, literarias, culturais e sociais en diferentes países, co evidente enriquecemento cultural e persoal para o alumnado.
Así, grazas aos convenios existentes, as persoas que cursaren o Grao en Inglés: Estudos Lingüísticos e Literarios teñen a posibilidade de completaren parte da titulación nunha universidade estranxeira. Así mesmo, mediante o programa Erasmus-Sócrates, existe a posibilidade de estudar durante un cuadrimestre ou mesmo durante un ano enteiro nas universidades de Cork, Galway, Wolwerhampton, Worcester etc.