O Programa Oficial de Doutoramento en Química Ambiental e Fundamental é un programa interdisciplinar, no que participan doutores de seis áreas de coñecemento do ámbito das Ciencias (Química Analítica, Química-Física, Química Inorgánica, Química Orgánica, Enxeñaría Química e Física) pertencentes a 10 grupos de investigación que figuran no catálogo de grupos de investigación da UDC, maioritariamente adscritos á Facultade de Ciencias e ao Centro de Investigacións Científicas Avanzadas –CICA https://cica.udc.es/) da UDC. Este centro de investigación, que reúne a investigación nas áreas dos grupos de referencia internacional de Química e Bioloxía da UDC, conforma, xunto co Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC), Agrupación Estratéxica CICA-INIBIC. A dita agrupación, recoñecida e financiada pola Xunta de Galicia, constitúe unha contorna multidisciplinar e sinérxica enfocada a dar unha resposta eficaz a retos biomédicos, tecnolóxicos e medioambientais, e o seu principal obxectivo é ser referente en investigación, formación e transferencia para os grandes retos da sociedade, de modo que garanta a retención do talento e a captación de recursos para un crecemento sustentable. (https://cica.udc.es/es/inibic-presentacion).(
O interese investigador do programa, centrado na Química, enfócase cara á investigación de estruturas, procesos e mecanismos das reaccións químicas e, naturalmente, a síntese de novos compostos con evidentes fins tecnolóxicos que poden ser, ou non, inmediatos. Tamén abrangue as metodoloxías de análise existentes e o desenvolvemento das mesmas, así como o tratamento da información como apoio a todo elo. Estes estudos distribúense en 31 liñas de investigación (vide infra) que, a súa vez, agrúpanse en 4 grandes áreas temáticas::
1.Química Molecular e Supramolecular. Materiais Moleculares.
2.Química de Sólidos Non-Moleculares e Materiais Poliméricos.
3.Reactividade Química.
4.Química Ambiental e Análise Químico.
As diferentes liñas de investigación tratan de dar resposta aos retos expostos no Horizonte 2020 e aos obxectivos estratéxicos do Plan Estatal de Investigación Científica e Técnica e de Innovación en vigor, e están aliñadas coas liñas prioritarias do Programa RIS3 Galicia. En ningún caso constitúen ámbitos illados, senón que se establecen múltiples sinerxías entre elas de xeito que permiten o desenvolvemento dunha investigación en transversal e posibilitan que os doutorandos adquiran unha visión integral da Química.
CB1. Comprensión sistemática dun campo de estudo e dominio das habilidades e métodos de investigación relacionados co devandito campo.
CB2. Capacidade de concibir, deseñar, pór en práctica e adoptar un proceso substancial de investigación.
CB3. Capacidade para contribuír á ampliación das fronteiras do coñecemento a través dunha investigación orixinal.
CB4. Capacidade de realizar unha análise crítica e de avaliación e síntese de ideas novas e complexas.
CB5. Capacidade de comunicación coa comunidade académica e científica e coa sociedade en xeral, acerca dos seus ámbitos de coñecemento nos modos e idiomas de uso habitual na súa comunidade científica internacional.
CB6. Capacidade de fomentar, en contextos académicos e profesionais, o avance científico, tecnolóxico, social, artístico ou cultural dentro dunha sociedade baseada no coñecemento.
CE1. Capacidade para manexar as técnicas cualitativas e cuantitativas necesarias para o deseño de experimentos no ámbito da química, incluíndo a síntese, a análise e/ou a caracterización de especies químicas.
CE2. Capacidade para desenvolver e aplicar as técnicas e ferramentas necesarias para a caracterización, a análise e o control ambiental en aire, augas, solos, residuos etc., incluíndo novos métodos, procesos e tecnoloxías de control e tratamento ambiental.
CE3. Capacidade para identificar os retos actuais de investigación nos campos da química e o medio ambiente, desenvolver propostas innovadoras e divulgar a propia investigación en ámbitos científicos e de transferencia científico-tecnolóxica.
A titulación de Química atópase entre as vinte máis demandadas polos empregadores, de modo que o químico representa o cuarto sector en importancia de emprego do país. En particular, a industria química española é un sector que xera o 11% do PIB e máis de 500.000 postos de traballo no noso país.
O sector químico é o segundo maior exportador da economía española, e o primeiro investidor en I+D+i e en protección do medio.
Ademais do sector da industria química, os doutores especializados en química teñen saídas profesionais noutros ámbitos como son os centros de investigación, a administración pública e o ensino. Neste sentido, o Programa Oficial de Doutoramento en Química Ambiental e Fundamental ten en conta a ampla oferta sectorial de emprego, ofrecendo a especialización necesaria nos sectores de maior demanda onde destacan o medio ambiente e o sector químico tanto básico como aplicado.
O alumnado egresado contribuirá a dar resposta ás demandas da industria, a administración e a sociedade en xeral, impulsando a investigación e o desenvolvemento e innovación científico-tecnolóxica.
A incorporación de perfís profesionais no título está garantida a través da colaboración do profesorado e dos grupos de investigación que participan no programa con empresas e industrias, o cal facilita o intercambio e a transferencia de coñecemento.
É de resaltar que algunhas teses de doutoramento deste programa se realizan en estreita colaboración con empresas e a administración nas que os profesionais implicados participan directamente (Endesa, Repsol, ENCE, CETMAR, Asesores Ambientais, Espiña e Delfín, PIPO Systems, Novotec, Applus, VEGALSA-EROSKI, Xiloga, Toysal, ALCOA S:A: SOGAMA, FEUGA, CHUAC, Xunta de Galicia, Concello da Coruña etc.), ademais de contar coa colaboración de profesionais de distintos sectores estratéxicos en actividades como charlas, xornadas e seminarios organizados polo programa de doutoramento e por outras titulacións que se imparten na Facultade de Ciencias. Isto permite aos alumnos contaren cunha visión próxima das actividades e necesidades dos distintos sectores.
É obxectivo preferente deste programa a mobilidade do doutorando, con especial fincapé na súa internacionalización. A este respecto, todos os grupos de investigación implicados contan con colaboracións externas, nunha altísima porcentaxe estranxeiras, e moitos están implicados en redes de investigación, tanto nacionais como internacionais.
Estas son as liñas de investigación principáis deste programa de doutoramento:
No caso de que o doutorando careza da formación previa completa esixida no programa, a súa admisión no programa poderá quedar condicionada á superación de complementos de formación específicos, que poderán ser materias ou módulos de máster e grao. Os complementos asignados a un mesmo doutorando non poderán superar os 15 créditos ECTS e poderán realizarse de forma previa ou simultánea á matrícula en tutela académica no programa.
No caso de realización simultánea o alumnado deberá matricularse destes complementos no momento de formalizar a matrícula de tutela académica no programa, que deberán superarse no prazo máximo de tres cuadrimestres consecutivos. De non facelo así, o alumnado causará baixa no programa.
Tamén podes consultar o Regulamento de Estudos de Doutoramento da UDC, Artigo 16: Admisión.
1. ACTIVIDADES OBRIGATORIAS:
2. ACTIVIDADES OPTATIVAS:
Especifica a relación académica entre o doutorando e a Universidade, os seus dereitos e deberes, incluídos os posibles dereitos de propiedade intelectual e/ou industrial derivados da investigación, así como a aceptación do procedemento de resolución de conflitos e a súa duración. Inclúe tamén os deberes do/a titor/a do doutorando e do seu director ou directora de tese.
O devandito compromiso será asinado por unha representación específica designada pola universidade, o/a titor/a e o doutorando, nun prazo máximo dun mes que comezará a contar desde a data da matrícula, mentres que a sinatura do/a director/a se incorporará no momento da súa designación.
Este compromiso de supervisión engadirase ao documento de actividades do doutorando no momento da súa sinatura por todas as persoas implicadas.
Tamén podes consultar o Regulamento de Estudos de Doutoramento da UDC, Artigo 31: Compromiso de supervisión.
Nun prazo de seis meses logo da matrícula, o estudante elaborará un Plan de Investigación que incluirá a metodoloxía, os obxectivos, os medios e a planificación temporal. O plan presentarase avalado co informe do director e/ou titor e deberá ser aprobado pola CAPD. Este plan poderá mellorarse no proceso de avaliación anual contando co aval do director e/ou titor.
Anualmente, a CAPD avaliará o Plan de Investigación, xunto cos informes que a tal efecto deberán emitir o titor/a e/ou o director/a, e o documento de actividades. A avaliación positiva será requisito indispensable para continuar no programa. En caso de avaliación negativa, o estudante elaborará un novo Plan que será avaliado no prazo de seis meses. En caso de nova avaliación negativa, causará baixa definitiva no programa.
Tamén podes consultar o Regulamento de Estudos de Doutoramento da UDC, Artigo 30: Plan de investigación.
A UDC mantén convenios de mobilidade de estudantes con universidades e institucións de educación superior de catro continentes. Cada curso académico publícanse varias convocatorias de mobilidade de estudantes para que estes poidan cursar parte dos seus estudos nunha desas institucións (un semestre ou un ano académico completo), obtendo pleno recoñecemento académico ao seu regreso no expediente UDC do estudante.
Nesas convocatorias publícanse as prazas das que a UDC dispón para ofrecer aos estudantes dos distintos centros e, no seu caso, as condicións específicas de cada unha delas. Do mesmo xeito, todos os anos convócanse bolsas para financiar a realización de prácticas no estranxeiro por parte dos estudantes
As prácticas serán tamén recoñecidas como parte do seu expediente académico ou no suplemento europeo ao título. O estudante é libre para buscar a empresa ou institución de destino do EEES na que desexa facer as prácticas. A estes efectos, a UDC ten un taboleiro virtual no que se publican as ofertas que chegan ao seu coñecemento.
As convocatorias de mobilidade xestiónanse conxuntamente nos centros de procedencia dos estudantes, baixo a dirección dos Responsables de Relacións Internacionais dos centros, e na Oficina de Relacións Internacionais da Universidade (ORI). Os requisitos xerais para acceder a unha praza de mobilidade, os dereitos e obrigacións dos estudantes, así como o procedemento para conceder as prazas regúlanse no Regulamento de Mobilidade da UDC.