Programa Oficial de Doutoramento en Protección do Patrimonio Cultural

2024/2025

Introdución

O Programa de Doutoramento en Protección do Patrimonio Cultural pretende xerar un espazo de encontro interprofesional entre os distintos axentes que participan na protección do patrimonio nas súas diferentes perspectivas: documentación e valoración do ben, caracterización dos materiais do ben e da contorna que o rodea, mecanismos de deterioro e diagnóstico e finalmente intervención directa ou indirecta sobre o patrimonio co obxecto de protexelo.

Este Programa tamén pretende dar resposta á actual demanda de formación de carácter investigador por parte dos colectivos implicados na protección do patrimonio cultural, agrupando todas as disciplinas posibles que participan ou contribúen á protección do patrimonio nun marco común de encontro, intercambio e colaboración na formación superior.

O Programa de doutoramento é interuniversitario entre as universidades de Vigo, Santiago de Compostela e A Coruña. O seu obxectivo principal é que a investigación sobre o patrimonio no SUG poida facerse nun ámbito académico específico sobre esta temática; de modo que os egresados/ as de titulacións do SUG relacionadas co Patrimonio poidan matricularse nun programa cuxo obxectivo e foco principal é o patrimonio.

Na xestión e conservación do Patrimonio cultural, nas súas diferentes formas (patrimonio cultural moble, inmoble, natural, intanxible,) interveñen persoas de diferentes disciplinas: historia, xeografía, historia da arte, arqueoloxía,...

O estudo está verificado e pendente de publicación

 

Prezo da titoría anual de doutoramento
Prezo aproximado aplicable a todos os estudantes (non residentes en España ou na UE incluídos). Gastos de secretaría, seguro escolar e complementos formativos (de ser aplicables) non incluídos.
200€
Prazas ofertadas para o curso 2024/2025
5

Por que estudar a titulación

Na actualidade, o ámbito do Patrimonio Cultural adquiriu un particular cariz multidisciplinar dado que aúna desde cuestións relativas á arqueoloxía e investigación histórica, museoloxía, conservación de obxectos, patrimonio natural ou patrimonio arquitectónico, entre outros. Moitas destas temáticas implican un coñecemento multidisciplinar, que van desde a forma de poñer en valor todos eles ata a forma de obter información de tipo histórico ou de utilidade para a súa conservación mediante a súa análise instrumental. Neste programa, reúnense especialistas de todas estas diversas disciplinas co obxecto de desenvolver un ambiente académico no cal os estudantes que pretendan desenvolver a súa tese doutoral en Patrimonio Cultural poidan formarse como investigadores e desenvolver o seu traballo de investigación nunha contorna deseñada para iso. Isto favorecerá un maior desenvolvemento na Protección do Patrimonio Cultural, incluíndo o Patrimonio natural, tanto no ámbito académico como no empresarial, dado que existe unha relación moi próxima de moitos dos investigadores do programa con outras universidades e con empresas do sector.

 Folleto informativo

Este estudo é interuniversitario, ademais da Universidade da Coruña, participan na súa docencia as seguintes universidades:

  • Universidade de Vigo
  • Universidade de Santiago de Compostela