Grao en Enxeñaría Electrónica Industrial e Automática

2024/2025 · 240 créditos

Orientación, información e apoio académico

Para cada título existe unha coordinación do título que é a persoa de referencia para clarexar calquera dúbida que poida xurdir no desenvolvemento do curso e propoñer as melloras que deriven das observacións e suxestións do alumnado.

Plan de Acción Titorial da UDC asigna unha persoa como tutora para cada estudante coa fin de ofrecer asesoramento en canto ás opcións e á orientación do seu proxecto académico e profesional. Así mesmo informa dos recursos e servizos que a Universidade da Coruña pon ao dispor do estudantado e da información sobre o funcionamento xeral da universidade, sobre os aspectos administrativos, académicos, de xestión e de participación nas estruturas de goberno.

Este centro dispón dun plan de acción titorial propio que pode consultarse na páxina web do PAT para os diferentes centros.

Formación complementaria

A Universidade da Coruña conta cun Centro de Linguas no que o estudantado pode formarse en diferentes idiomas (inglés, francés, portugués, alemán, LSE, chinés...). Impártense cursos xerais, intensivos e cursos de conversación de duración trimestral. Estes cursos están homologados pola ACLES e recoñecidos academicamente como competencias transversais propias da UDC.

Centro Universitario de Formación e Innovación Educativa (CUFIE) oferta plans de formación para o estudantado de grao, máster e doutoramento co obxectivo de completar e reforzar a formación naquelas competencias transversais que melloren a súa preparación tanto académica como de cara ao seu futuro profesional.

Como formación complementaria o estudantado pode participar en calquera dos Cursos de verán que se levan a cabo todos os anos entre os meses de xullo e setembro.

Respecto á inserción laboral , a Universidade da Coruña conta con varios mecanismos para proporcionar información e formación específica que facilite a inserción laboral e profesional do alumnado universitario. Impártense cursos dirixidos a estudantes e alumni recentes para mellorar a súa formación en competencias profesionais, técnicas de busca de emprego, etc. Así mesmo conta cunha sólida estrutura de prácticas externas tanto curriculares como extracurriculares para o estudantado dos últimos cursos.

Aloxamento e servizos

A Universidade da Coruña convoca prazas de aloxamento nas residencias públicas universitarias, para o alumnado que curse estudos, tanto no campus da Coruña como no campus de Ferrol. Ambas residencias están moi céntricas e dispoñen de cuartos individuais e dobres, aulas de estudio e salas de ocio. Pódese atopar máis información da convocatoria e doutras opción de aloxamento nesta ligazón.

Co fin de garantir a igualdade de oportunidades, a plena integración e o respecto á diversidade de todo o estudantado a Universidade da Coruña conta cunha unidade de Atención á Diversidade que está ao servizo de toda a  comunidade universitaria.

Desde o Servizo de Estudantes difúndese e ofrécese información de carácter xeral sobre as características académicas dos estudos de Grao, o réxime de acceso e permanencia do estudantado na universidade, así como sobre o exercicio e reclamación dos seus dereitos, e sobre o seguro escolar. Tamén se difunden as convocatorias de bolsas, axudas e premios e se xestiona o asociacionismo universitario.

Grazas aos servizos informáticos, todos os ordenadores están conectados a internet, ademais de contar con cobertura wifi en todos os edificios.

Respecto ás bibliotecas e salas de estudo, actualmente a Universidade da Coruña conta con 4969 postos de lectura en bibliotecas e salas de estudos. A biblioteca da UDC está formada ademais de pola biblioteca central, por 16 bibliotecas distribuídas en diversos centros e posúe un fondo bibliográfico de máis de 804.000 volumes e mais de 9000 revistas. Ademais dispón dun repositorio institucional no que están en acceso libre máis de 8000 recursos entre os que se atopan a colección que recolle as teses de doutoramento defendidas na UDC. Os horarios das salas de estudo amplíanse en época de exames.

Actividades deportivas e culturais

A Universidade da Coruña conta cunha Área de Cultura que ofrece unha programación variada de cine, música e artes escénicas. Ten implantado tamén un espazo de intervención cultural NORMAL que alberga singularmente accións de cultura alternativa.

Os Campus da Coruña e de Ferrol están dotados de complexos deportivos que ofrecen moitas e moi variadas actividades.

Participación na vida universitaria

A Universidade da Coruña conta con convocatorias propias para o desenvolvemento de actividades estudantís que son promovidas e xestionadas a iniciativa das asociacións e colectivos.

O estudantado conta con representantes elixidos en todos os órganos de goberno da Universidade.

Valedora Universitaria é a valedora dos dereitos e liberdades da comunidade universitaria e atende as queixas, peticións e suxestións de todos os universitarios.

Oficina de Cooperación e Voluntariado xestiona, coordina e potencia os ámbitos do voluntariado social e a cooperación ao desenvolvemento da universidade. Con estes fines realiza cursos de formación para o voluntariado, lidera proxectos de voluntariado, organiza actividades de sensibilización e financia bolsas de cooperación.