Programa Oficial de Doutoramento en Neurociencia e Psicoloxía Clínica

2026/2027

Acceso

Poderá acceder aos estudos de doutoramento da UDC o alumnado que cumpra algún dos requisitos recollidos no artigo 4 (Acceso) do Regulamento de Estudos de Doutoramento da UDC.

Admisión

Os estudantes que cumpren algún dos requisitos de acceso aos estudos de doutoramente poderán ser admitidos a un programa de doutoramento conforme aos requisitos específicos e criterios de valoración de méritos que foren propios do programa. A UDC incluirá os procedementose requisitos de admisión no plan de estudos.

A Admisión non implicará, en ningún caso, ningunha modificación dos efectos académicos e profesionais que correspondan ao título previo de que estea en posesión a persoa interesada, nin o seu recoñecemento para outro efecto que o de cursar o programa de doutoramento.

Tamén podes consultar o Regulamento de Estudos de Doutoramento da UDC, Artigo 5: Admision.

Perfil de admisión recomendado

De forma xeral, poderán acceder a este programa de doutoramento, sen necesidade de cursar complementos formativos, alumnos/as que cursen algún máster adscrito ás ramas de coñecemento ciencias da saúde e ciencias e os ámbitos de coñecemento ciencias biomédicas, Bioloxía e xenética, bioquímica e biotecnoloxía, enfermería, farmacia, medicina e odontoloxía, psicoloxía e ciencias do comportamento.

Os e as estudantes que accedan ao Programa de Doutoramento en Neurociencia e Psicoloxía Clínica deben posuír as seguintes competencias:

· Ter coñecemento das bases da organización e funcionamento do sistema nervioso.

· Ter competencias a nivel de máster no manexo de polo menos algunha das técnicas de investigación utilizadas na área da neurociencia e do estudo da conduta normal e patolóxica. É suficiente con estar familiarizado cos fundamentos teóricos e metodolóxicos de técnicas de investigación de polo menos unha das liñas de investigación do programa.

· Ter competencias a nivel de máster no desenvolvemento e posta a punto de protocolos de investigación de utilidade no campo da neurociencia e do estudo da conduta normal e patolóxica. É suficiente con estar familiarizado cos fundamentos teóricos e metodolóxicos de protocolos de investigación polo menos unha das liñas de investigación do programa.

· Ter competencias a nivel de máster na obtención, análise e explotación de datos científicos.

· Ser capaz de aplicar os coñecementos á resolución de novos problemas.

· Ser competente para a integración de datos e a interrelación con outros científicos pertencentes a distintos ámbitos da neurociencia.

· Ter competencias a nivel de máster na comunicación científica oral e escrita.

· Ser capaces de adoptar perspectivas éticas na aplicación do seu coñecemento.

· Ter coñecemento avanzado de polo menos unha das linguas oficiais da Comunidade Autónoma (galego, español), así como coñecementos de inglés suficientes para manexarse nesta lingua no ámbito do seu traballo de investigación (nivel B1). Os coñecementos de inglés débense acreditar no momento de realizar a solicitude de admisión no programa, como requisito para a admisión nel.

Poderán ser admitidos, logo de informe da CAPD, diplomados, graduados, licenciados e máster con experiencia e/ou intereses específicos nas distintas áreas de coñecemento da Neurociencia, sempre que cumpran os requisitos xerais de acceso ao doutoramento. Aquelas que non acrediten as competencias exixidas para o acceso ao programa terán que cursar complementos de formación.

No caso doutros perfís que non realizasen Máster, necesitarase unha equivalencia de formación en créditos de investigación, iguais, polo menos, aos do máster que dá acceso directo, que serán 60 créditos ECTS.

Para calquera outro perfil a CAPD estudará os casos individualmente, podendo admitir ou non aos/as alumnos/as e establecendo complementos formativos en caso de ser necesario. No caso de que o alumnado careza da formación previa exixida no programa, a admisión poderá quedar condicionada á superación dos complementos de formación que estableza a Comisión Académica. Estes complementos non poderán superar os 15 créditos ECTS.

Procedemento xeral de solicitude de admisión

A solicitude de admisión (ou de renovación da matrícula) e a matrícula nos estudos de doutoramento realizarase a través da secretaría virtual, achegando a documentación acreditativa de reunir os requisitos de acceso. A solicitude de admisión e matrícula para o alumnado externo da UDC debe facerse aquí.

Se desexas obter máis información podes consultar o Procedemento xeral de solicitude de admisión.

Procedemento de solicitude de admisión do alumnado cun título estranxeiro non homologado

Consulta a Admisión e matrícula da EIDUDC.

Procedemento xeral por parte da CAPD

Consulta a Admisión e matrícula da EIDUDC.

Requisitos de admisión específicos da CAPD

A selección de estudantes para a súa admisión no programa realizarase en función do expediente académico de Grao/Diplomatura/Licenciatura e Máster e da viabilidade da proposta da investigación que se vai desenvolver. Para estes efectos, terase en conta:

a) Expediente académico de Grao/Licenciatura e Máster de acceso.

b) Afinidade do máster de acceso co Programa de Doutoramento.

c) Resumo/anteproxecto da investigación que se pretende desenvolver, con indicación da liña de investigación do programa na cal se enmarcaría.

d) Carta de referencia dun profesor/a do programa de doutoramento que avale a viabilidade da futura teses no marco da subliña de investigación a que se vincule. En caso de que se prevexa contar cun director/a alleo/a ó programa, deberá presentarse un preacordo de dirección por parte deste/a, xunto de curriculum vitae, que permita verifica-lo cumprimento dos criterios para ser director/a de teses, establecidos pola universidade no seu regulamento de estudios de doutoramento; neste caso, tamén se recomenda presentar proposta dun titor/a do programa dentro da liña de investigación en que se enmarque a proposta.

Potestativamente, a Comisión Académica poderá realizar unha entrevista persoal ao candidato/a, en caso de que o considere necesario para valorar a viabilidade da teses, aclarar os puntos arriba indicados para a súa correcta puntuación, e, de ser o caso, concretar os complementos formativos que deba cursar o/a candidato/a.

A selección de estudantes para a súa admisión no programa realizarase en función dos seguintes criterios:

a) Expediente académico: 50-60%.

b) Afinidade do máster de acceso co Programa de Doutoramento: 20-25%.

c) Resumo/anteproxecto da investigación que se pretende desenvolver: 20-25%.

Estes criterios permitirán realizar a selección de admitidos en caso de existir máis solicitudes que prazas.

Antes da apertura do prazo de preinscrición estará dispoñible, a través da web do programa, a información sobre as liñas de investigación, as temáticas de teses propostas no marco destas, e o profesorado que ofrece cada unha delas, así como as súas direccións electrónicas, co obxectivo de lles facilitar aos/as candidatos/as a elección dunha temática e o contacto con posibles directores/as e/ou titores/as.

Aplicaranse os mesmos criterios para admitir a todas as persoas candidatas independentemente de que a súa dedicación sexa a tempo completo ou parcial.

Prazos

A solicitude de admisión (ou de renovación da matrícula) e a matrícula nos estudos de doutoramento realizarase de acordo cos prazos aprobados polo Consello de Goberno da UDC.

Matrícula

Consulta a información dispoñible para facer a matrícula nun estudo de doutorado da udc. 

Axudas predoutorais

Consulta as axudas predoutorais na UDC.