Máster Universitario en Estudos Ingleses Avanzados e as súas Aplicacións

2023/2024 · 60 créditos

Acceso e admisión

Para acceder ao ensino oficial de máster será necesario estar en posesión dun título universitario oficial español ou doutro expedido por unha institución de educación superior do EEES que faculte no país expedidor do título para o acceso ao ensino de máster.

Así mesmo, poderán acceder as persoas tituladas conforme a sistemas educativos alleos ao Espazo Europeo de Educación Superior, sen necesidade da homologación dos seus títulos, despois de que a UDC comprobe que estes acreditan un nivel de formación equivalente aos correspondentes títulos universitarios oficiais españois e facultan no país expedidor do título para o acceso ao ensino de posgrao. O acceso por esta vía non implicará, en ningún caso, a homologación do título previo de que estea en posesión a persoa interesada, nin o seu recoñecemento para outros efectos que o de cursar o ensino de máster.

Os titulados conforme a sistemas educativos alleos ao EEES que soliciten acceso ás ensinanzas oficiais de másteres universitarios que habilitan para o exercicio de profesión regulada, necesariamente deberán ter o seu título homologado ou declarado equivalente polo ministerio competente.

Os estudantes poderán ser admitidos a un máster conforme aos requisitos específicos e criterios de valoración de méritos que foren propios do título de máster universitario. A UDC incluirá os procedementos e requisitos de admisión no plan de estudos.

A admisión non implicará, en ningún caso, ningunha modificación dos efectos académicos e profesionais que correspondan ao título previo de que estea en posesión a persoa interesada, nin o seu recoñecemento para outro efecto que o de cursar o ensino de máster.

Perfil recomendado

As características persoais (aptitudes, sensibilidades, capacidades específicas) e académicas daquelas persoas que se consideraren máis adecuadas para iniciaren o mestrado en Estudos Ingleses Avanzados son: (a)inquietude, curiosidade e sensibilidade polas manifestacións da lingua, literatura e cultura das sociedades anglófonas; (b) coñecementos lingüísticos e literarios avanzados da lingua inglesa nas súas diferentes manifestacións; (c) capacidades para a comprensión e expresión oral e escrita equivalente a un nivel C1 do Marco Común Europeo de Referencia para as Linguas (aprendizaxe, ensino e avaliación); (d)habilidade para apreciar a comunicación como un fenómeno complexo nunha sociedade dinámica; (e) sensibilidade para a aceptación da diversidade cultural; (f)habilidades para o manexo de ferramentas de acceso á información; (g) capacidade para o traballo autónomo.

Para alén do exposto, o perfil de ingreso das persoas aspirantes será, por orde prioridade, o seguinte: (1) Licenciados e graduados en Filoloxía Inglesa / Estudos Ingleses; (2) Licenciados e graduados noutras filoloxías ou linguas e en lingüística; (3) Licenciados e graduados en Tradución e Interpretación, en Humanidades e en Socioloxía; (4)Licenciados e graduados procedentes doutras titulacións que acreditaren coñecmentos avanzados de inglés escrito e falado.

Requisitos de acceso comúns

Non se estabelecen de maneira xenérica requisitos de formación previa. O mestrado non contempla condicións nin probas de acceso especiais. No entanto, para acceder ao ensino oficial de mestrado será necesario estar en posesión dun titulo universitario oficial español ou dun outro expedido por unha institución de educación superior pertencente a un estado membro da UE que posibilite neste o acceso aos estudos de mestrado. Subsecuentemente, poderá acceder a este mestrado calquera estudante que cursase satisfactoriamente una licenciatrua ou grao universitario na rama de Artes e Humanidades, sexa española a titulación expedida ou non. A admisión estará, en calquera caso, regrada pola normativa de cada unha das tres universidades participantes no programa, ben como polos regulamentos de estudos correspondentes.

Solicitude e admisión

A solicitude de preinscripción poderá facerse a través dos procedementos telemáticos que se establecer na UDC. Consulte a páxina de másteres, para maior información. 

As solicitudes formuladas por persoas con títulos académicos estranxeiros de sistemas educativos alleos ao EEES deberán ir acompañadas da seguinte documentación, traducida a calquera das dúas linguas oficiais na UDC, legalizada ou coa Apostila da Haia: título que dá acceso ao máster e certificación académica.

A matrícula realizarase nos sucesivos prazos que se inclúen no calendario de preinscrición dos másteres que aproba o Consello de Goberno da UDC á través da web da UDC.

Unha vez efectuada a matrícula deberá remitirse á administración do centro, ou entregarse nela, nun prazo máximo de 10 días naturais que contarán a partir da data de solicitude de matrícula, a seguinte documentación, se for o caso:

  • A solicitude de bolsa debidamente cuberta.
  • O xustificante que acredite a exención ou a redución dos prezos de matrícula.

 

10 prazas ofertadas no curso 2023/2024

Criterios e procedementos de admisión

O órgao de admisión de estudantes é a Comisión de Selección, constituída polas Subcomisións de cada Universidade que actuarán en primeira instancia seleccionando o seu alumnado e recebendo o visto bo definitivo por parte da Comisión Interuniversitaria. Esta comisión terá a composición e función determinadas na Normativa de Xestión Académica do correspondente curso. Todas as solicitudes que acreditaren formación noutro ámbito non recollido aquí poderán ser tamén consideradas pola comisión académica e de selección de maneira individual. De calquera modo, as solicitudes terán de ir acompañadas da seguinte documentación, convenientemente legalizada (e, de ser o caso, debidamente traducida a calquera das linguas oficiais na Comunidade Autónoma Galega): (1) Título con que se desexa acceder ao mestrado; (2) Certificación académica. O proceso de selección e admisión de solicitudes rexerase seguindo os principios de obxectividade, imparcialidade, mérito e capacidade. Os méritos que poderán ser avaliados baséanse no expediente académico, currículum vitae e exposición de motivos polos cales desexa acceder ao mestrado (incluíndo, se as houber, as preferencias temáticas).

bolsas e axudas

Existe un sistema de bolsas para o estudantado que o precise. Os distintos criterios e prazos dependen do tipo de bolsa e o organismo que as convoca (propias, autonómicas e estatáis). Podes consultalas nos seguintes enlaces: