O Grao en Enxeñaría Electrónica Industrial e Automática ofrece unha formación sólida e actualizada nun dos ámbitos tecnolóxicos con maior impacto na industria moderna. Trátase dunha titulación práctica con presenza e aplicación na maioría dos sectores estratéxicos do noso país, como a robótica, a automatización, o transporte, a enerxía, a instrumentación industrial ou os sistemas intelixentes.
O Grao en Enxeñaría Electrónica Industrial e Automática habilita para a profesión regulada de Enxeñeiro Técnico Industrial (orde CIN/351/2009). Ademais das saídas profesionais, desde a adaptación dos títulos ao Espazo Europeo de Educación Superior, este grao permite o acceso directo, entre outros, ao Master de Enxeñaría Industrial (Orde CIN/311/2009), titulación académica que habilita para a profesión regulada de Enxeñeiro Industrial.
Este grao impártese na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF) no Campus de Esteiro. A EPEF nace no ano 2021 como resultado da fusión das dúas escolas de enxeñaría da cidade, a Escola Universitaria Politécnica (EUP) e a Escola Politécnica Superior (EPS), con máis de 50 anos de traxectoria en formación no ámbito da enxeñaría.
O estudo está verificado e publicado
O estudo renovou a sua acreditación o martes, 30 de maio de 2023.
|
Prazas ofertadas para o curso 2025/2026 |
45 |
Acceso ás tecnoloxías clave da industria
Neste grao abórdanse tecnoloxías habilitadoras da Industria 4.0 como a robótica, o Industrial Internet of Things (IIoT), os sistemas intelixentes, ou a fabricación aditiva, entre outros. Ademais, o grao conta con bloques especializados de enxeñaría de control e electrónica de potencia, competencias imprescindibles na industria, a xestión da enerxía e a mobilidade eléctrica.
Alta demanda profesional
Trátase dunha das titulacións con maior inserción laboral. O seu carácter multidisciplinar e a versatilidade do perfil permiten acceder a un amplo abanico de saídas profesionais, tanto no ámbito industrial tradicional como en sectores emerxentes.
Formación práctica enfocada a casos reais
O grao combina unha base científica e tecnolóxica cunha marcada orientación práctica. A EPEF conta con equipamento actualizado e plantas industriais a escala nos seus laboratorios, o que permite aos estudantes abordar retos reais de enxeñaría ao longo da titulación.
Grupos de docencia reducidos
As clases impártense en grupos reducidos ofrecendo atención personalizada ao alumnado. É un aspecto que non é sinxelo atopar noutras universidades máis masificadas e que supón un beneficio na formación do futuro graduado ou graduada.
A vida no Campus de Esteiro
O Campus de Esteiro atópase situado no centro da cidade de Ferrol. A oferta de aloxamento para estudantes en Ferrol é moi ampla e, en xeral, o custo da vida é menor que noutras cidades que ofertan estes estudos.
| Curso de comezo | 2010/2011 |
| Data última modificación/verificación ACSUG | 26/07/2022 |
| Data autorización Consello Xunta | 11/11/2010 |
| Data publicación autorización DOG | 17/11/2010 |
| Data publicación BOE de carácter oficial | 16/03/2011 |
| Data publicación plan estudos DOG | 27/05/2021 |
| Data publicación plan estudos BOE | 19/05/2021 |