Programa de simultaneidade do Grao en Turismo e o Grao en Ciencias Empresariais

2023/2024 · 354 créditos

Introdución

O Programa de simultaneidade do Grao en Turismo e o Grao en Ciencias Empresariais permite aos alumnos cursar á vez ambas as titulacións. Así, ao superaren este programa, terán os dous títulos oficiais de graduado/a en Turismo e graduado/a en Ciencias Empresariais.

Este programa proporciona aos estudantes unha sólida formación en materia de xestión empresarial, alén dun profundo coñecemento da industria turística. Ten unha duración de dez cuadrimestres distribuídos en cinco cursos académicos. O número de créditos necesario para superar o programa é de 354 ECTS.

O primeiro cuadrimestre de cada curso impártese na Facultade de Economía e Empresa da Universidade da Coruña (campus de Elviña), e o segundo na Facultade de Turismo da Unversidade da Coruña (campus da Zapateira).

 

Prezo para o alumnado con residencia en España ou na UE
Prezo aproximado dun curso (60 ECTS) para o alumnado de primeira matrícula con residencia en España ou na UE.
591€
Prezo para o alumnado sen residencia en España ou na UE
Prezo aproximado dun curso (60 ECTS) para o alumnado de primeira matrícula sen residencia en España.
739€
Prazas ofertadas para o curso 2023/2024
25

Por que estudar a titulación

Este programa de simultaneidade creouse para proporcionar ao alumnado unha formación de calidade en xestión empresarial, xunto cun coñecemento profundo e amplo, tanto teórico como práctico, do sector turístico, que xoga un papel fundamental na xeración de emprego, benestar e riqueza tanto en Galicia como en España e o resto do mundo.

Os alumnos que completaren o programa obterán unha formación sólida non só en xestión empresarial, orientada á resolución de problemas operativos, tácticos e estratéxicos, senón tamén saberes multidisciplinares e transversais. Adquirirán coñecementos teóricos e competencias prácticas que abranguen diversas áreas de estudo: formación económica, xurídico-social e empresarial, idiomas, comunicación e novas tecnoloxías, intermediación turística, aloxamentos, patrimonio e xestión de recursos turísticos e destinos.

O ámbito empresarial en xeral e o sector turístico en particular son cada vez máis multiculturais, e os alumnos terán a oportunidade de obteren unha visión internacional dunha industria innovadora e en constante cambio, grazas non só á formación teórica, senón tamén á mobilidade internacional e o amplo programa de prácticas en empresas e institucións turísticas privadas e públicas en España e fóra de España.

Doutra parte, o alumnado beneficiarase da oportunidade de estudar en dous centros: a Facultade de Economía e Empresa e a Facultade de Turismo ambos cun profesorado de cualificación contrastada e cunha clara orientación ao alumnado.

Visita os centros:

Facultade de Economía e Empresa

Facultade de Turismo

Folla de ruta