Grao en Socioloxía

2024/2025 · 240 créditos

Introdución

A socioloxía dedícase a estudar a evolución das sociedades contemporáneas e a analizar como os procesos sociais que nelas se desenvolven afectan o comportamento humano, a interacción entre individuos e as traxectorias persoais. Ao mesmo tempo dá conta de como as accións, experiencias e oportunidades das persoas están modeladas pola súa posición na estrutura social e dependen de categorías socialmente construídas como a clase social, o xénero e a etnia.

Trátase dunha titulación perfecta para aquelas persoas interesadas na reflexión e interpretación dos conflitos sociais, políticos e económicos, con habilidades para a análise e que teñan disposición para a interpretar e organizar tanto datos numéricos como investigación de campo e documental.

O estudo está verificado e publicado

O estudo renovou a sua acreditación o luns, 21 de novembro de 2022.

 

Prezo para o alumnado con residencia en España ou na UE
Prezo aproximado dun curso (60 ECTS) para o alumnado de primeira matrícula con residencia en España ou na UE.
591€
Prezo para o alumnado sen residencia en España ou na UE
Prezo aproximado dun curso (60 ECTS) para o alumnado de primeira matrícula sen residencia en España.
739€
Prazas ofertadas para o curso 2024/2025
95

Por que estudar a titulación

A titulación do Grao en Socioloxía da UDC conta cunha traxectoria consolidada. O plan de estudos experimentou os cambios suficientes para cumprir cos estándares europeos e adaptarse ás necesidades profesionais.

Contamos cun elaborado sistema interno de garantía de calidade mediante o cal se pon en práctica o asesoramento activo ao estudantado ofrecendo apoio para proxectar a súas traxectorias profesionais. Desenvólvense espazos participativos co alumnado onde as súas opinións sobre a calidade docente se trasladan aos plans de mellora anuais.

A especialización do noso persoal docente e investigador permite manter unha ampla oferta de materias optativas durante o cuarto ano do grao centradas en aspectos específicos da sociedade como os son: as consecuencias da globalización, as tendencias do mercado laboral, o futuro das organizacións ou as actuais manifestacións das desigualdades sociais.

Así mesmo, se che interesa internacionalizar a túa traxectoria académica contamos con múltiples convenios con universidades europeas a través do Programa Erasmus+ e acordos bilaterais con universidades americanas.

Contamos con convenios coas principais entidades locais para a realización de prácticas curriculares e extracurriculares e para participar activamente na aplicación dos seus programas de intervención social.

Os traballos de fin de grao posúen claros compoñentes empíricos, cuxos resultados revertan no ámbito aplicado e poidan ser defendidos publicamente en foros internacionais.

 Folleto informativo

Folla de ruta

Curso de comezo 2008/2009
Data última modificación/verificación ACSUG 06/05/2008
Data autorización Consello Xunta 17/07/2008
Data publicación autorización DOG 30/07/2008
Data publicación BOE de carácter oficial 26/09/2008
Data publicación plan estudos DOG 07/04/2009
Data publicación plan estudos BOE 07/04/2009