Programa Oficial de Doutoramento en Dereito

2025/2026

Introdución

O programa de doutoramento en Dereito é un título universitario oficial que aborda a formación en investigación xurídica e social.

O seu obxectivo é formar en competencias metodolóxicas e instrumentais para desenvolver proxectos de investigación en ciencias xurídicas e sociais:

  • a) Formar xuristas-investigadores capaces de emprender, dirixir, participar e coordinar investigacións que propoñan solucións ás distintas problemáticas de orde xurídica formuladas pola realidade galega, nacional e internacional. 
  • b) Permiti-la especialización do doutorando na súa formación investigadora dentro do ámbito de coñecemento xurídico científico. 
  • c) Formar a novos investigadores e preparar equipamentos de investigación xurídica para xestionar e asumi-lo liderado académico na súa práctica profesional ou docente, mediante a aplicación de métodos e técnicas de investigación nas ciencias xurídicas. 
  • d) Fomentar o espírito emprendedor e competitivo do graduado no ámbito da investigación e a práctica profesional. 
  • e) Perfecciona-lo desenvolvemento de destrezas científicas e técnicas dos doutorandos para que se desempeñen con eficiencia no tratamento dos problemas xurídicos. 
  • f) Propiciar metodoloxicamente a formación do futuro profesorado universitario dando así resposta ás necesidades formativas e científicas do sistema universitario. 
  • g) Dispoñer dun espazo adecuado para a consecución e transmisión dos avances científicos no ámbito xurídico, a confrontación de ideas e a xeración de coñecemento desde a nosa realidade xurídico-social para contribuír ao desenvolvemento da Comunidade Autónoma galega. 
  • h) Fomentar a creación de redes internacionais de investigación. A proxección científica e investigadora dos grupos de investigación que participan no programa constitúe o punto de partida destas redes que servirán, pola súa vez, para a mobilidade do profesorado e dos estudantes, especialmente en proxección á comunidade universitaria latinoamericana.
  • i) Aborda-la investigación xurídica desde unha perspectiva interdisciplinar que permita dotar dunha formación integral no campo da investigación xurídica.

O estudo está verificado e publicado

O estudo renovou a sua acreditación o martes, 1 de marzo de 2022.

 

Prezo da titoría anual de doutoramento
Prezo aproximado aplicable a todos os estudantes (non residentes en España ou na UE incluídos). Gastos de secretaría, seguro escolar e complementos formativos (de ser aplicables) non incluídos.
200€
Prazas ofertadas para o curso 2025/2026
15

Por que estudar a titulación

Os estudos de doutoramento impartidos pola Facultade de Dereito UDC non só permitiron elevar ao máximo nivel os coñecementos xurídicos dos máis diversos profesionais do dereito (maxistrados, xuíces, avogados, procuradores, asesores de empresa, funcionarios da Administración pública, etc.), contribuíndo así a mellora-lo exercicio das súas respectivas profesións, senón que tamén proporcionaron a formación académica, científica e investigadora dunha gran parte das persoas que na actualidade son profesores na Facultade de Dereito UDC e doutras universidades de Galicia, do resto de España e de diferentes países europeos e iberoamericanos.

Ademais, hai que ter en conta que, trala implantación do programa de Doutor en Dereito pola UDC segundo o RD 1393/2007, a impartición dos másteres en Estudos da Unión Europea (MUE) e en Asesoramento Xurídico Empresarial (MAXE) converteuse na antesala dos estudos de doutoramento, contribuíndo moi intensamente a completar o período de formación investigadora dos futuros doutores en Dereito.

Folla de ruta

Curso de comezo 2013-2014
Data última modificación/verificación ACSUG 31/07/2013
Data publicación autorización DOG 20/12/2013
Data publicación BOE de carácter oficial 11/03/2014
Data publicación plan estudos BOE 11/03/2014