Máster Universitario en Enxeñaría Mariña

2025/2026

Enxeñaría industrial, enxeñaría mecánica, enxeñaría automática, enxeñaría da organización industrial e enxeñaría da navegación

Introdución

O título oficial de Mestrado en Enxeñaría Mariña ten por obxectivo proporcionar os coñecementos técnicos que debe ter un enxeñeiro/a mariño/a, o cal inclúe a formación en técnicas de xestión, re‐deseño, montaxe, operación e mantemento de todo o equipamento de buques e artefactos mariños. Os estudos enmárcanse nun perfil de especialización no ámbito da actividade técnica que, ademais, permitirá ao estudante unha orientación cara a estudos de doutoramento e investigación. A formación académica adquirida permitirá cumprir con todos os requisitos de formación esixidos no "Convenio Internacional STCW", de cara ao exercicio profesional como xefe/a de máquinas da Mariña Mercante, sempre que se cursara previamente o Grao en Máquinas Navais.

O estudo está pendente de verificación

 

Prazas ofertadas para o curso 2025/2026
20

Por que estudar a titulación

O plan de estudos está deseñado seguindo a normativa internacional que regula a formación dos profesionais mariños/as, e dá acceso a un mercado laboral con alta demanda, con posibilidade de exercer a súa actividade en calquera lugar do mundo e en sectores moi amplos do ámbito tecnolóxico.

Permite acceder, xunto co título de Grao en Enxeñaría Mariña, á profesión de xefe/a de máquinas da Mariña Mercante

Permite aos que accedan desde outros graos do ámbito tecnolóxico, unha formación especializada de aplicación directa en amplos sectores da actividade industrial.

Disponse de profesorado altamente cualificado, con experiencia profesional maioritaria no ámbito da Enxeñaría Mariña e outros sectores industriais. Garántese, así, unha formación en conexión directa coa realidade do sector.

 Folleto informativo