Grao en Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios

2023/2024 · 240 créditos

Que se aprende

Este grao proporciona unha formación ampla nos estudos sobre a lingua, a literatura e a cultura no ámbito galego-portugués. Estúdanse as diferentes ramas do saber filolóxico (gramática, pragmática, sociolingüística, historia da lingua, planificación lingüística, movementos e xéneros literarios, autoras e autores da literatura etc.)aplicadas ao galego e ao portugués. Desta forma, o alumnado fica preparado para desenvolver con suceso as responsabilidades da súa actividade laboral; e, ao mesmo tempo, adquire unha moi boa competencia plurilingüe (galego e portugués, español, inglés), o que redunda positivamente nas súas competencias profesionais.

Competencias completas do estudo

Competencias xenéricas

Entre as habilidades xenéricas que adquire o estudantado cómpre sinalarmos a capacidade de aplicar os coñecementos lingüísticos e literarios á práctica; a competencia para analizar e comentar textos e discursos literarios e non-literarios utilizando as modernas técnicas de análise textual; a habilidade para aplicar as novas tecnoloxías ao estudo do fenómeno lingüístico e literario; a capacidade para apreciar os valores artísticos, culturais e estéticos nos textos literarios e a habilidade para pór en relación a lingua, a literatura, a historia e a cultura.

Competencias específicas

Ao se graduar no Grao en Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios, o alumnado fica totalmente cualificado nas seguintes competencias:

  • Coñecer e aplicar os métodos e técnicas da análise lingüística e literaria para analizar e comentar textos e discursos utilizando as técnicas de análise textual.
  • Coñecer as correntes teóricas da lingüística e da ciencia literaria e ter un dominio avanzado, oral e escrito, das lenguas galega, española, inglesa e portuguesa.
  • Ter capacidade para avaliar o estilo dun texto, formular alternativas e correccións, así como para avaliar, analizar e sintetizar criticamente información especializada.
  • Identificar problemas e temas de investigación deste ámbito científico. Coñecer a crítica textual e a edición de textos.
  • Ter un coñecemento avanzado das literaturas galega e portuguesa, e da historia e cultura das comunidades galegofalantes e lusófonas.
  • Dominar a gramática das linguas galega e portuguesa, coñecendo as súas variacións. Coñecer a situación sociolingüística da lingua galega e os modelos e técnicas da planificación lingüística.

Competencias transversais

Ao acabar a titulación, cada estudante terá interiorizadas como competencias transversais, entre outras, as seguintes:

  • Utilizar recursos bibliográficos, bases de datos e ferramentas, programas e aplicacións informáticas, para adquirir a capacidade de autoformación.
  • Ter capacidade para comunicarse, relacionar coñecementos, organizar o traballo, planificar e xestionar o tempo, resolver problemas e exercer o pensamento crítico.
  • Valorizar a diversidade lingüística e cultural.
  • Desenvolverse para o exercicio dunha cidadanía aberta, culta, crítica, comprometida, democrática e solidaria, capaz de analizar a realidade e formular e implantar solucións baseadas no coñecemento e orientadas ao ben común.

Saídas profesionais e académicas

As saídas laborais deste grao enmárcanse preferentemente no campo humanístico, lingüístico-literario e cultural.

Contorno profesional no que se sitúa

Os graduados no Grao en Galego e Portugués: Estudos Lingüísticos e Literiarios disporán dunha especialización moi alta no ámbito lingüístico e literario galego-portugués. Por iso, conectarán cun universo profesional tamén especializado en que o ensino no ámbito público e privado (academias, colexios, facultades, institutos, lectorados en universidades estranxeiras etc.), o asesoramento lingüístico e sociocultural, a tradución, a normalización lingüística e a dinamización cultural se perfilan como os principais itinerarios laborais.

Saídas profesionais e académicas

Entre os principais perfís de saídas académico-laborais, salientan os seguintes: docencia, tradución e interpretación; asesoramento e mediación lingüística, cultural e editorial; asesoramento cultural e lingüístico no mundo empresarial; normalización lingüística; crítica literaria; medios de comunicación; xestión cultural; promoción lingüística e literaria; terapia lingüística; publicidade, librarías especializadas etc.

O estudantado pode, igualmente, continuar a súa formación superior e acceder aos diversos mestrados que se imparten na nosa facultade.

Empresas e institucións colaboradoras

A Facultade de Filoloxía mantén convenios de colaboración con máis de vinte entidades para que o alumnado poida entrar en contacto co ámbito laboral. Neses convenios, que se renovan cada ano, organízanse as prácticas externas extracurriculares. Así, o estudantado entra en contacto co mundo editorial, centros tecnolóxicos, bibliotecas, institucións culturais etc. e pode comprobar en primeira persoa as posibilidades profesionais con que conta despois dos estudos.

Algúns dos organismos en que se realizan as prácticas son os seguintes: Biblioteca Pública Miguel González Garcés (A Coruña),Casa Museo Emilia Pardo Bazán (A Coruña), Consello da Cultura Galega (Santiago de Compostela), Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Betanzos etc.

Planificación do ensino

O plan de estudos do Grao en Galego-Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios estrutúrase en catro anos académicos organizados por cuadrimestres, excepto no segundo curso, en que dúas materias teñen carácter anual. Nos dous primeiros cursos, todas as materias son de carácter obrigatorio e resultan comúns aos graos en español e inglés.

A partir desta formación común, no terceiro e cuarto ano cada estudante poderá afondar no estudo das linguas galega e portuguesa e as literaturas correspondentes, con base tamén nas materias complementarias e transversais.

O plan de estudos distribúese en 240 créditos, dos cales 120 son cursados no primeiro e no segundo ano nas materias comúns; no terceiro e cuarto ano cursaranse 78 créditos nas materias obrigatorias, un mínimo de 18 nas materias específicas, un máximo de 18 nas materias optativas xerais e 6 no Traballo de Fin de Grao.

Esta titulación dispón de guía docente
Podes consultala para coñecer máis sobre o estudo. Na táboa inferior tamén podes consultar as guías docentes particulares a aquelas materias que dispoñen de ela.

Estrutura do estudo

Os estudos de grao organízanse por cursos. Fai clic nun curso para obter máis información.

  Guía Carácter Cuadr. créditos
Lingua Española 1 Formación básica 6 ECTS
Lingua Galega 1 Formación básica 6 ECTS
Lingua Inglesa 1 Formación básica 6 ECTS
Lingüística Xeral Formación básica 6 ECTS
Introdución aos Estudos Literarios Formación básica 6 ECTS
Lingua e Cultura Clásica Formación básica 6 ECTS
Tecnoloxías da Información e da Comunicación Formación básica 6 ECTS
Lingua Inglesa 2 Formación básica 6 ECTS
Historia Formación básica 6 ECTS
Literatura Inglesa 1 Formación básica 6 ECTS
  Guía Carácter Cuadr. créditos
Literatura Española Obrigatorio anual 9 ECTS
Literatura Galega Obrigatorio anual 9 ECTS
Lingua Española 2 Obrigatorio 6 ECTS
Lingua Galega 2 Obrigatorio 6 ECTS
Lingua Inglesa 3 Obrigatorio 6 ECTS
Idioma Moderno: Francés Obrigatorio 6 ECTS
Idioma Moderno: Italiano Obrigatorio 6 ECTS
Idioma Moderno: Alemán Obrigatorio 6 ECTS
Literatura Inglesa 2 Obrigatorio 6 ECTS
Técnicas de Tradución Obrigatorio 6 ECTS
Lingua Inglesa 4 Obrigatorio 6 ECTS
  Guía Carácter Cuadr. créditos
Linguas do Mundo Optativo 4,5 ECTS
Historia da Lingua Galega e Portuguesa Obrigatorio 6 ECTS
Lingua Galega e Comunicación Oral Obrigatorio 6 ECTS
Lingua Portuguesa 1 Obrigatorio 6 ECTS
Literatura Medieval Galego-Portuguesa Obrigatorio 6 ECTS
Lingua e Cultura dos Países de Fala Portuguesa Optativo 4,5 ECTS
Edición e Comentario dos Textos Galegos e Portugueses Optativo 4,5 ECTS
Idioma Moderno 2: Francés Optativo 4,5 ECTS
Filosofía e Literatura Con restriccións Optativo 4,5 ECTS
Idioma Moderno 2: Italiano Optativo 4,5 ECTS
Idioma Moderno 2: Alemán Optativo 4,5 ECTS
Literatura Galega Contemporánea 1 Obrigatorio 6 ECTS
Lingua Galega e Sociedade Obrigatorio 6 ECTS
Literatura Portuguesa 1 Obrigatorio 6 ECTS
Normalización e Planificación da Lingua Galega Optativo 4,5 ECTS
Literatura Galega e Estudos Socioculturais Optativo 4,5 ECTS
Cultura Latina Medieval Optativo 4,5 ECTS
As Linguas Románicas Optativo 4,5 ECTS
Idioma Moderno 3: Francés Optativo 4,5 ECTS
Linguaxe, Discurso e Comunicación Optativo 4,5 ECTS
Idioma Moderno 3: Italiano Optativo 4,5 ECTS
Idioma Moderno 3: Alemán Optativo 4,5 ECTS
  Guía Carácter Cuadr. créditos
Contactos Lingüísticos e Literarios na Tradición Románica Optativo 4,5 ECTS
Literatura Latina Optativo 4,5 ECTS
Lingua Portuguesa 2 Obrigatorio 6 ECTS
Literatura Galega Contemporánea 2 Obrigatorio 6 ECTS
Literatura Portuguesa 2 Obrigatorio 6 ECTS
Lingua Galega: Norma e Usos Obrigatorio 6 ECTS
Lingua e Variación no Espazo Galego-Portugués Optativo 4,5 ECTS
Poesía en Lingua Galega e Portuguesa Optativo 4,5 ECTS
Literatura Comparada Optativo 4,5 ECTS
Linguas e Tecnoloxías Optativo 4,5 ECTS
Literatura e Artes Visuais Optativo 4,5 ECTS
Lingua e Sociedade Optativo 4,5 ECTS
Literatura e Cultura Optativo 4,5 ECTS
Literaturas de Lingua Portuguesa Obrigatorio 6 ECTS
Gramática Galega Obrigatorio 6 ECTS
Traballo Fin de Grao Obrigatorio 6 ECTS
Narrativa e Ensaio en Lingua Galega e Portuguesa Optativo 4,5 ECTS
Teatro en Lingua Galega e Portuguesa Optativo 4,5 ECTS
Lecturas de Literatura Española e Hispanoamericana Optativo 4,5 ECTS
Literaturas Románicas Optativo 4,5 ECTS
Español como L2 Optativo 4,5 ECTS
Idioma Moderno 4: Francés Optativo 4,5 ECTS
Idioma Moderno 4: Italiano Optativo 4,5 ECTS

 BOE co plan de estudos (PDF)

Referentes externos

O Grao en Galego e Portugués: Estudos Linguísticos e Literarios foi concibido tendo en conta a anterior licenciatura en Filoloxía Galega. Ao mesmo tempo, tamén se tiveron presentes os estudos lingüísticos e literarios de diferentes universidades europeas, onde é moi frecuente que se estuden cando menos dúas linguas de maneira conxunta (Francia, Italia, Portugal...) e as súas literaturas respectivas, ben como materias de lingüística, teoría literaria e tradución.

Procedementos de consulta empregados

A elaboración do plan de estudos desta titulación realizaouse ao abeiro das Directrices para a elaboración de títulos de grao na UDC aprobadas polo Consello de Goberno desta universidade en 2007. Contou cunha comisión redactora, composta por nove membros, na cal todos os sectores da comunidade universitaria estiveron representados (alumnado, profesorado e PAS). O anteproxecto foi exposto publicamente, debatido e finalmente aprobado pola Xunta de Facultade.

Ao longo do proceso de planificacion do grao mantivéronse diversas reunións cos decanos doutros centros (Facultade de Humanidades da UDC, Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, Facultade de Filoloxía e Tradución da Universidade de Vigo etc.).

Profesorado

O ensino do plan de estudos está a cargo de docentes dos departamentos de: Ciencias da Computación e Tecnoloxías da Información, Didácticas Específicas e Métodos de Investigación e Diagnóstico en Educación, Humanidades e Letras.

Os estudos de grao organízanse por cursos. Fai clic nun curso para obter máis información.

Accións para a mobilidade do estudantado

A UDC mantén convenios de mobilidade de estudantes con universidades e institucións de educación superior de catro continentes. Cada curso académico publícanse varias convocatorias de mobilidade de estudantes para que estes poidan cursar parte dos seus estudos nunha desas institucións (un semestre ou un ano académico completo), obtendo pleno recoñecemento académico ao seu regreso no expediente UDC do estudante.

Nesas convocatorias publícanse as prazas das que a UDC dispón para ofrecer aos estudantes dos distintos centros e, no seu caso, as condicións específicas de cada unha delas. Do mesmo xeito, todos os anos convócanse bolsas para financiar a realización de prácticas no estranxeiro por parte dos estudantes

As prácticas serán tamén recoñecidas como parte do seu expediente académico ou no suplemento europeo ao título. O estudante é libre para buscar a empresa ou institución de destino do EEES na que desexa facer as prácticas. A estes efectos, a UDC ten un taboleiro virtual no que se publican as ofertas que chegan ao seu coñecemento.

As convocatorias de mobilidade xestiónanse conxuntamente nos centros de procedencia dos estudantes, baixo a dirección dos Responsables de Relacións Internacionais dos centros, e na Oficina de Relacións Internacionais da Universidade (ORI). Os requisitos xerais para acceder a unha praza de mobilidade, os dereitos e obrigacións dos estudantes, así como o procedemento para conceder as prazas regúlanse no Regulamento de Mobilidade da UDC.

Accións concretas do centro

A Facultade de Filoloxía da UDC conta cunha longa tradición de participación e cooperación na elaboración de estratexias de mobilidade do estudantado, particularmente no ámbito europeo. Isto favorece o contacto con outras realidades lingüísticas, literarias, culturais e sociais en diferentes países, co evidente enriquecemento cultural e persoal para o alumnado.

Así, grazas aos convenios existentes, as persoas que cursaren o Grao en Galego-Portugués: Estudos Lingüísticos e Literarios teñen a posibilidade de completaren parte da titulación nunha universidade española ou estranxeira. Así mesmo, mediante os programas SICUE e Erasmus-Sócrates, existe a posibilidade de estudar durante un cuadrimestre ou mesmo durante un ano enteiro nas universidades de Barcelona, Évora, Lisboa, Madeira ou Minho.