Programa Oficial de Doutoramento en Matemáticas e Aplicacións

2023/2024

Que se aprende

Preténdese que o alumnado do programa adquira a capacidade de concibir, proxectar e desenvolver temas de investigación de forma autónoma ou en colaboración, respectando patróns de calidade e integridade académicas; que realice traballos de investigación con resultados orixinais que contribúan á expansión das fronteiras do coñecemento nas respectivas áreas de investigación e que sexan merecedores de publicación en revistas internacionais especializadas con sistemas de arbitraxe. Finalmente, preténdese que sexa capaz de analizar criticamente e sintetizar ideas novas e complexas e de comunicalas á comunidade científica e á sociedade en xeral. Nunha perspectiva máis xeral, as persoas que completan o programa deben ser quen de interpretar e modelar problemas científico-tecnolóxicos, así como de percibir a súa relevancia económica e social, construíndo unha visión crítica do coñecemento e a realidade.

Saídas profesionais e académicas

Saídas profesionais e académicas

O programa de doutoramento en Matemáticas e Aplicacións pretende que o seu estudantado adquira as capacidades de investigación e de transferencia máis relevantes, o que lle permitirá ter mellores competencias para ampliar as futuras perspectivas de traballo. Un programa conxunto de doutoramento dá ao estudantado un acceso amplo e variado aos recursos das diversas institucións, ao profesorado e persoal investigador, e proporciona un amplo abano de oportunidades. Así, o alumnado deste tipo de doutoramento pode aproveitar os puntos fortes da cada institución para iniciar e desenvolver as súas carreiras científicas. Por outra banda, o crecente interese do sector industrial e empresarial por persoas con formación matemática avanzada proporciona aos egresados deste programa unhas perspectivas laborais máis amplas que as exclusivas do ambiente académico. Así, as capacidades de análise, síntese, comunicación e a habilidade para afrontar problemas complexos que se adquiren no programa, proporcionan unha formación de ampla demanda no mercado laboral actual.

Liñas de investigación

Estas son as liñas de investigación principáis deste programa de doutoramento:

  • Álxebra, Lóxica, Combinatoria e Aplicacións
  • Análise e aplicacións
  • Topoloxía, sistemas dinámicos, análise global, análise sobre variedades e aplicacións
  • Xeometría e Aplicacións

Planificación do ensino

Complementos de formación específicos

No caso de que o doutorando careza da formación previa completa esixida no programa, a súa admisión no programa poderá quedar condicionada á superación de complementos de formación específicos, que poderán ser materias ou módulos de máster e grao. Os complementos asignados a un mesmo doutorando non poderán superar os 15 créditos ECTS e poderán realizarse de forma previa ou simultánea á matrícula en tutela académica no programa.

No caso de realización simultánea o alumnado deberá matricularse destes complementos no momento de formalizar a matrícula de tutela académica no programa, que deberán superarse no prazo máximo de tres cuadrimestres consecutivos. De non facelo así, o alumnado causará baixa no programa.

Tamén podes consultar o Regulamento de Estudos de Doutoramento da UDC, Artigo 16: Admisión.

Actividades formativas da EIDUDC

Actividades formativas da EIDUDC

Actividades formativas do programa

O programa de doutoramento inclúe entre as súas actividades formativas as seguintes: Workshop en Matemática 1, Workshop en Matemática 2, Workshop en Matemática 3, Workshop en Matemática 4, Workshop en Matemática 5, Workshop en Matemática 6 e Seminarios de Investigación. Ademais, fomentarase que o alumnado asista a cursos e participe en actividades científicas como congresos, e realice estadías de investigación.

Compromiso documental de supervisión

Especifica a relación académica entre o doutorando e a Universidade, os seus dereitos e deberes, incluídos os posibles dereitos de propiedade intelectual e/ou industrial derivados da investigación, así como a aceptación do procedemento de resolución de conflitos e a súa duración. Inclúe tamén os deberes do/a titor/a do doutorando e do seu director ou directora de tese.

O devandito compromiso será asinado por unha representación específica designada pola universidade, o/a titor/a e o doutorando, nun prazo máximo dun mes que comezará a contar desde a data da matrícula, mentres que a sinatura do/a director/a se incorporará no momento da súa designación.

Este compromiso de supervisión engadirase ao documento de actividades do doutorando no momento da súa sinatura por todas as persoas implicadas.

Tamén podes consultar o Regulamento de Estudos de Doutoramento da UDC, Artigo 31: Compromiso de supervisión.

Plan de investigación

Nun prazo de seis meses logo da matrícula, o estudante elaborará un Plan de Investigación que incluirá a metodoloxía, os obxectivos, os medios e a planificación temporal. O plan presentarase avalado co informe do director e/ou titor e deberá ser aprobado pola CAPD. Este plan poderá mellorarse no proceso de avaliación anual contando co aval do director e/ou titor.

Anualmente, a CAPD avaliará o Plan de Investigación, xunto cos informes que a tal efecto deberán emitir o titor/a e/ou o director/a, e o documento de actividades. A avaliación positiva será requisito indispensable para continuar no programa. En caso de avaliación negativa, o estudante elaborará un novo Plan que será avaliado no prazo de seis meses. En caso de nova avaliación negativa, causará baixa definitiva no programa.

Tamén podes consultar o Regulamento de Estudos de Doutoramento da UDC, Artigo 30: Plan de investigación.

Profesorado

Accións para a mobilidade do estudantado

A UDC mantén convenios de mobilidade de estudantes con universidades e institucións de educación superior de catro continentes. Cada curso académico publícanse varias convocatorias de mobilidade de estudantes para que estes poidan cursar parte dos seus estudos nunha desas institucións (un semestre ou un ano académico completo), obtendo pleno recoñecemento académico ao seu regreso no expediente UDC do estudante.

Nesas convocatorias publícanse as prazas das que a UDC dispón para ofrecer aos estudantes dos distintos centros e, no seu caso, as condicións específicas de cada unha delas. Do mesmo xeito, todos os anos convócanse bolsas para financiar a realización de prácticas no estranxeiro por parte dos estudantes

As prácticas serán tamén recoñecidas como parte do seu expediente académico ou no suplemento europeo ao título. O estudante é libre para buscar a empresa ou institución de destino do EEES na que desexa facer as prácticas. A estes efectos, a UDC ten un taboleiro virtual no que se publican as ofertas que chegan ao seu coñecemento.

As convocatorias de mobilidade xestiónanse conxuntamente nos centros de procedencia dos estudantes, baixo a dirección dos Responsables de Relacións Internacionais dos centros, e na Oficina de Relacións Internacionais da Universidade (ORI). Os requisitos xerais para acceder a unha praza de mobilidade, os dereitos e obrigacións dos estudantes, así como o procedemento para conceder as prazas regúlanse no Regulamento de Mobilidade da UDC.