Programa Oficial de Doutoramento en Análise Económica e Estratexia Empresarial

2024/2025

Que se aprende

Boa parte do persoal investigador involucrado no Programa Oficial de Doutoramento en Análise Económica e Estratexia Empresarial traballa ben en grupos de investigación de referencia dentro do sistema universitario de Galicia, ben noutros grupos de investigación que obteñen financiamento nas distintas convocatorias competitivas nacionais ou europeas. Así, a relevancia das liñas de investigación en que se centra o programa reflíctese na produtividade científica dos grupos de investigación participantes, que son estes: Grupo de Investigación en Economía dos Recursos Naturais e Ambientais (ERENEA), coa páxina web http://webs.uvigo.es/erenea/index.php; Research Group in Energy, Innovation and Enviroment (REDE), coa páxina web http://rede.uvigo.es; Research Group in Economic Analysis (RGEA), coa páxina web http://webs.uvigo.es/rgea; Grupo de Investigación en Distribución da Renda, Territorio e Mercado Laboral, coa páxina web http://webs.uvigo.es/crio/Grupo-EA7.htm; Group of Researchers in Empirical Economics (GriEE), coa páxina web http://webs.uvigo.es/griee; Statistical Inference, Decision and Operations Research Group (SiDOR), coa páxina web http://sidor.uvigo.es; Grupo de Investigación en Estudos Económicos: Transporte, Traballo e Sostibilidade, coa páxina web www.udc.es/iuem; Grupo de Estudos de Historia da Empresa (GEHE); Grupo de Investigación en Macroeconomía e Saúde (Macrosaúde); Grupo de Investigación en Regulación, Economía e Finanzas (GREFIN); Grupo Jean Monnet de Competitividade e Desenvolvemento na Unión Europea (Grupo C+D), coa páxina web www.gcd.udc.es; Grupo de Investigación en Análise Económica dos Mercados e Institucións (AEMI); Grupo de Investigación en Economía Ambiental e Xestión Sostible dos Recursos Naturais (ECON-NATURA), coa páxina web www.econ-natura.com; Grupo de Investigación en Modelos de Optimización, Decisión, Estatística e Aplicacións (MODESTYA), coa páxina web http://eio.usc.es/pub/gi1914; Grupo de Investigación en Valoración Financeira Aplicada (VALFINAP), coa páxina web http://www.usc.es/gl/investigacion/grupos/valfinap. O Programa Oficial de Doutoramento en Análise Económica e Estratexia Empresarial pretende que cada estudante estea integrado/a nalgún dos grupos de investigación de que é parte o persoal investigador que o promove. Ao mesmo tempo, a asociación deste programa co Doutoramento en Economía Europea Erasmus Mundus (EDEEM) abre a posibilidade de realizar intercambios de estudantes e de estes/as obteren un título conxunto en dúas universidades socias. Tamén posibilita que os/as estudantes obteñan financiamento europeo para levaren a cabo o seu doutoramento ou efectuaren estadías nalgunha das universidades socias. Para obter este financiamento requírese que o/a candidato realice previamente os exames do Erasmus Mundus Master Models and Methods of Quantitative Economics (QEM), co fin de homologarse ao estudantado do programa europeo. Esta alternativa ofreceráselles aos/ás alumnos/as do programa que puidesen mostrar interese.

Competencias xenéricas

COMPETENCIAS BÁSICAS E XERAIS CB11. Comprensión sistemática dun campo de estudo e dominio das habilidades e métodos de investigación relacionados. CB12. Capacidade de concibir, deseñar ou crear, pór en práctica e adoptar un proceso substancial de investigación ou creación. CB13. Capacidade para contribuír á ampliación das fronteiras do coñecemento a través dunha investigación orixinal. CB14. Capacidade de realizar unha análise crítica e de avaliación e síntese de ideas novas e complexas. CB15. Capacidade de comunicación coa comunidade académica e científica, e a sociedade en xeral, acerca dos seus campos de coñecemento nos modos e idiomas de uso habitual na comunidade científica internacional. CB16. Capacidade de fomentar, en contextos académicos e profesionais, o avance científico, tecnolóxico, social, artístico ou cultural dentro dunha sociedade baseada no coñecemento. CAPACIDADES E DESTREZAS PERSOAIS CA01. Desenvolverse en contextos en que hai pouca información específica. CA02. Atopar as preguntas clave que cómpre responder para resolver un problema complexo. CA03. Deseñar, crear, desenvolver e emprender proxectos novos e innovadores no seu ámbito de coñecemento. CA04. Traballar tanto en equipo como de xeito autónomo nun contexto internacional ou multidisciplinar. CA05. Integrar coñecementos, enfrontarse á complexidade e formular xuízos con información limitada. CA06. Levar a cabo a crítica e defensa intelectual de solucións. OUTRAS COMPETENCIAS CE1. Coñecemento dos métodos e técnicas econométricos para analizar e obter información contrastable dos datos económicos empíricos. CE2. Coñecemento profundo dos modelos teóricos e a súa aplicación a situacións económicas concretas. CG1. Capacidade para presentar e defender con rigor, claridade e precisión novas ideas tanto na contorna habitual de traballo como en reunións científicas nacionais ou internacionais. CT1. Capacidade para interaccionar e defender con rigor, claridade e precisión novas ideas ante especialistas doutras áreas de coñecemento.

Saídas profesionais e académicas

Saídas profesionais e académicas

O programa pretende formar expertos/as coas destrezas necesarias para usar modelos teóricos e as técnicas que lles permitan obter unha información contrastable dos datos económicos empíricos, co fin de desenvolveren unha carreira académica ou profesional.

Empresas e institucións colaboradoras

Os trámites formais para asociar este programa co Doutoramento en Economía Europea Erasmus Mundus (EDEEM), financiado pola UE, xa remataron. O novo coordinador do EDEEM, o profesor Herbert Dawid, recibiu e devolveu asinado á Universidade de Vigo o documento de asociación o 3 de abril de 2014. Son socias do EDEEM as universidades París I, de Amsterdam, de Bielefeld, Nova de Lisboa, Católica de Louvain e Ca’ Foscari Venezia, alén da École des Hautes Études en Sciences Sociales. A coordinación corresponde desde o pasado 1 de abril á Universidade de Bielefeld. A asociación deste programa co EDEEM abre a posibilidade de realizarmos intercambios de estudantes e de estes/as obteren un título conxunto en dúas universidades socias. Tamén de que o alumnado obteña financiamento europeo para levar a cabo o seu doutoramento ou algunha estadía nalgunha das universidades socias. Para conseguir o devandito financiamento o/a candidato/a debe realizar previamente os exames do Erasmus Mundus Master Models and Methods of Quantitative Economics (QEM), co fin de homologarse ao estudantado do programa europeo. Esta alternativa ofreceráselles aos/ás estudantes do noso programa que manifesten o seu interese. De por parte, cabe mencionarmos que os distintos grupos de investigación que pulan este programa manteñen contactos permanentes con outros grupos de investigación e/ou institucións e empresas para realizaren determinadas actividades específicas. Así, por exemplo, o grupo REDE colabora con empresas como Alcoa, Valora, Iberdrola ou PSA Citroën, entre outras. O grupo ERENEA colabora coa Cooperativa de Armadores do Porto de Vigo, o CETMAR, a Fundación Caixa Galicia e o Consello Económico e Social de Galicia. O GREFIN colabora con empresas como Engasa e Sodecan, e o GEHE con Balnearios de Galicia e a Cámara Mineira de Galicia. O Grupo de Investigación en Dirección Financeira e Sistemas de Información para a Xestión colabora coa Plataforma Tecnolóxica Audiovisual Galega e a Plataforma Tecnolóxica Galega de Loxística Loxisga. O Grupo de Investigación en Estudos Económicos: Transporte, Traballo e Sostibilidade traballa coa Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao, o Observatorio Ocupacional da UDC e o Concello da Coruña, mentres que o Grupo C+D colabora coa Acción Jean Monnet sobre integración europea na universidade e a rede experta de avaliación do FEDER da Dirección Xeral de Política Rexional da UE. Macrosaúde traballa coa Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia e o laboratorio Chiesi entre outras entidades. Dentro dos grupos da Universidade de Santiago de Compostela, o grupo ECON-NATURA colaborou recentemente coa Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia na avaliación dos danos económicos e ambientais ocasionados polo afundimento do buque Prestige. O grupo MODESTYA, pola súa vez, conta cun longo abano histórico de empresas e centros de investigación colaboradores, dentro dos cales cabe salientarmos o IGE, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Consellería de Medio Rural e do Mar. O grupo AEMI foi esencial na elaboración das memorias anuais da Fundación Caixa Galicia sobre a economía de Galicia, mentres que os/as investigadores/as do grupo VALFINAP colaboran con empresas do sector dos seguros e as finanzas, como por exemplo MAPFRE. Pola súa banda, a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Vigo mantén desde hai máis dunha década unha estreita colaboración coa Facultade de Economía da Universidade do Porto (Portugal) no tocante á formación de investigadores/as. Nos últimos anos varios estudantes do Programa de Doutoramento en Economía do Porto realizaron estadías predoutorais en Vigo e a devandita facultade acolleu catro doutores mozos do Porto que a elixiron para completaren a súa formación posdoutoral con financiamento da Fundación para a Ciencia e a Tecnoloxía do Goberno portugués. Para darlle un carácter institucional a esta colaboración, está a tramitarse un convenio formal de colaboración coa Universidade do Porto para o intercambio de estudantes de doutoramento.

Liñas de investigación

Estas son as liñas de investigación principáis deste programa de doutoramento:

  • Análise das políticas económicas
  • Análise económico financeira
  • Análise macroeconómica dinámica
  • Comercialización e investigación de mercados
  • Comportamento estratéxico e teoría de xogos
  • Desigualdade e economía de xénero
  • Economía da saúde e da familia
  • Economía espacial, urbana, rexional e internacional
  • Economía industrial e da información
  • Economía Medioambiental e dos recursos naturais
  • Historia económica
  • Métodos cuantitativos
  • Organización e estratexia da empresa

Planificación do ensino

Complementos de formación específicos

No caso de que o doutorando careza da formación previa completa esixida no programa, a súa admisión no programa poderá quedar condicionada á superación de complementos de formación específicos, que poderán ser materias ou módulos de máster e grao. Os complementos asignados a un mesmo doutorando non poderán superar os 15 créditos ECTS e poderán realizarse de forma previa ou simultánea á matrícula en tutela académica no programa.

No caso de realización simultánea o alumnado deberá matricularse destes complementos no momento de formalizar a matrícula de tutela académica no programa, que deberán superarse no prazo máximo de tres cuadrimestres consecutivos. De non facelo así, o alumnado causará baixa no programa.

Tamén podes consultar o Regulamento de Estudos de Doutoramento da UDC, Artigo 16: Admisión.

Actividades formativas da EIDUDC

Actividades formativas da EIDUDC

Actividades formativas do programa

1. Asistencia aos seminarios programados. Espérase que o alumnado asista de xeito sistemático aos seminarios, presencialmente ou por videoconferencia, lea a documentación e faga preguntas e comentarios. Procedemento de control: control presencial. A Comisión Académica do Programa de Doutoramento (CAPD) emitirá un informe sobre a asistencia de cada alumno/a. 2. Cursos específicos na fronteira da investigación A CAPD programará cursos específicos, impartidos por investigadores/as de prestixio, para levar o estudantado á fronteira do coñecemento nalgunhas liñas de investigación propias do programa. Procedemento de control: control presencial. 3. Estadías noutros centros de investigación Para presentar unha tese o/a estudante terá que realizar unha estadía mínima de tres meses nun centro de investigación de fóra de Galicia con que se manteña colaboración científica. Procedemento de control: presentarase o informe e resumo da actividade realizada avalados polo/a responsable científico/a do centro en que se fixo a estadía. 4. Presentacións periódicas do estado da investigación Ao acabar cada curso, os/as estudantes exporán o estado do seu proxecto de investigación ante algúns dos membros da CAPD e o profesorado especialista na materia. A CAPD avaliará o proxecto e, se é o caso, fará suxestións de mellora. 5. Asistencia a reunións científicas A CAPD, de acordo coa dirección das teses, procurará que a partir do 2.º ano o alumnado asista cando menos a unha reunión científica nacional ou internacional por curso para presentar os resultados da súa investigación. Procedemento de control: aceptación do traballo, valoración do comité científico e certificación da asistencia. 6. Redacción de documentos de traballo No 3.ºcurso, cada estudante preparará como mínimo un documento de traballo coas contribucións susceptibles de se presentar en reunións científicas. Redactarase ou terá unha versión en inglés. Procedemento de control: a CAPD recibirá o arquivo en inglés e incorporarao ao expediente de actividades.

Compromiso documental de supervisión

Especifica a relación académica entre o doutorando e a Universidade, os seus dereitos e deberes, incluídos os posibles dereitos de propiedade intelectual e/ou industrial derivados da investigación, así como a aceptación do procedemento de resolución de conflitos e a súa duración. Inclúe tamén os deberes do/a titor/a do doutorando e do seu director ou directora de tese.

O devandito compromiso será asinado por unha representación específica designada pola universidade, o/a titor/a e o doutorando, nun prazo máximo dun mes que comezará a contar desde a data da matrícula, mentres que a sinatura do/a director/a se incorporará no momento da súa designación.

Este compromiso de supervisión engadirase ao documento de actividades do doutorando no momento da súa sinatura por todas as persoas implicadas.

Tamén podes consultar o Regulamento de Estudos de Doutoramento da UDC, Artigo 31: Compromiso de supervisión.

Plan de investigación

Nun prazo de seis meses logo da matrícula, o estudante elaborará un Plan de Investigación que incluirá a metodoloxía, os obxectivos, os medios e a planificación temporal. O plan presentarase avalado co informe do director e/ou titor e deberá ser aprobado pola CAPD. Este plan poderá mellorarse no proceso de avaliación anual contando co aval do director e/ou titor.

Anualmente, a CAPD avaliará o Plan de Investigación, xunto cos informes que a tal efecto deberán emitir o titor/a e/ou o director/a, e o documento de actividades. A avaliación positiva será requisito indispensable para continuar no programa. En caso de avaliación negativa, o estudante elaborará un novo Plan que será avaliado no prazo de seis meses. En caso de nova avaliación negativa, causará baixa definitiva no programa.

Tamén podes consultar o Regulamento de Estudos de Doutoramento da UDC, Artigo 30: Plan de investigación.

Accións para a mobilidade do estudantado

A UDC mantén convenios de mobilidade de estudantes con universidades e institucións de educación superior de catro continentes. Cada curso académico publícanse varias convocatorias de mobilidade de estudantes para que estes poidan cursar parte dos seus estudos nunha desas institucións (un semestre ou un ano académico completo), obtendo pleno recoñecemento académico ao seu regreso no expediente UDC do estudante.

Nesas convocatorias publícanse as prazas das que a UDC dispón para ofrecer aos estudantes dos distintos centros e, no seu caso, as condicións específicas de cada unha delas. Do mesmo xeito, todos os anos convócanse bolsas para financiar a realización de prácticas no estranxeiro por parte dos estudantes

As prácticas serán tamén recoñecidas como parte do seu expediente académico ou no suplemento europeo ao título. O estudante é libre para buscar a empresa ou institución de destino do EEES na que desexa facer as prácticas. A estes efectos, a UDC ten un taboleiro virtual no que se publican as ofertas que chegan ao seu coñecemento.

As convocatorias de mobilidade xestiónanse conxuntamente nos centros de procedencia dos estudantes, baixo a dirección dos Responsables de Relacións Internacionais dos centros, e na Oficina de Relacións Internacionais da Universidade (ORI). Os requisitos xerais para acceder a unha praza de mobilidade, os dereitos e obrigacións dos estudantes, así como o procedemento para conceder as prazas regúlanse no Regulamento de Mobilidade da UDC.