Máster Universitario en Xerontoloxía

2021/2022 · 60 créditos

Acceso e admisión

Para acceder ao ensino oficial de máster será necesario estar en posesión dun título universitario oficial español ou doutro expedido por unha institución de educación superior do EEES que faculte no país expedidor do título para o acceso ao ensino de máster.

Así mesmo, poderán acceder as persoas tituladas conforme a sistemas educativos alleos ao Espazo Europeo de Educación Superior, sen necesidade da homologación dos seus títulos, despois de que a UDC comprobe que estes acreditan un nivel de formación equivalente aos correspondentes títulos universitarios oficiais españois e facultan no país expedidor do título para o acceso ao ensino de posgrao. O acceso por esta vía non implicará, en ningún caso, a homologación do título previo de que estea en posesión a persoa interesada, nin o seu recoñecemento para outros efectos que o de cursar o ensino de máster.

Os estudantes poderán ser admitidos a un máster conforme aos requisitos específicos e criterios de valoración de méritos que foren propios do título de máster universitario. A UDC incluirá os procedementos e requisitos de admisión no plan de estudos.

A admisión non implicará, en ningún caso, ningunha modificación dos efectos académicos e profesionais que correspondan ao título previo de que estea en posesión a persoa interesada, nin o seu recoñecemento para outro efecto que o de cursar o ensino de máster.

Perfil recomendado

O Mestrado Interuniversitario en Xerontoloxía enfócase como un título de posgrao de gran utilidade para todos os universitarios encamiñados cara ao campo da xerontoloxía, tanto clínica como social, sendo especialmente relevante para as carreiras de Ciencias da Saúde (medicina, enfermaría, terapia ocupacional, logopedia, psicoloxía clínica…) e Ciencias Sociais (traballo social, relacións laborais, psicoloxía social, psicopedagoxía, socioloxía…), tanto desde un punto de vista profesional como académico e investigador vía realización de tese doutoral por parte dos graduados egresados. Exponse o Máster como un título de formación especializada e multidisciplinar, avalada polo nivel dos docentes implicados, na súa maioría doutores, e de diferentes campos da atención sociosanitaria ás persoas maiores.

Requisitos de acceso comúns

Os criterios de acceso seguen as directrices do artigo 16 do R.D.1393/2007 e o artigo 9 (R.D.861/2010), coincidente coa normativa propia de ambas as universidades, que no caso da UDC ven regulada pola “Normativa pola que se regulan os ensinos oficiais de grao e mestado da UDC”, aprobada polo Consello de Goberno do 27 de xuño de 2012 e modificada polos Consellos de Goberno do 19 de decembro de 2013, 29 de setembro de 2015 e 23 de febreiro de 2017 e Normativa de Xestión Académica da Universidade da Coruña para o curso 2019/2020, aprobada por resolución reitoral o 6 de xuño de 2019, que establece que “Para acceder aos ensinos oficiais de Mestrado será necesario estar en posesión dun título universitario oficial español ou outro expedido por unha institución de educación superior pertencente a outro Estado integrante do EEES que faculte no mesmo país para o acceso a ensinos de Mestrado”. Así mesmo, poderán acceder os titulados conforme a sistemas educativos alleos ao Espazo Europeo de Educación Superior (EEES) que acreditan un nivel de formación equivalente aos correspondentes títulos universitarios oficiais españois. Para iso, o estudiantado deberá dirixir ao reitor unha solicitude de equivalencia de estudos estranxeiros e pagar as taxas correspondentes. O acceso por esta vía non implicará, en ningún caso, a homologación do título previo de que estea en posesión o interesado, nin o seu recoñecemento a outros efectos que o de cursar os ensinos de Mestrado.

As solicitudes formuladas por persoas con títulos académicos estranxeiros, non pertencentes ao EEES, deberán ir acompañadas da seguinte documentación, traducida a calquera das dúas linguas oficiais na UDC e USC (castelán e galego), que deberá presentarse convenientemente legalizada: Título que da acceso ao Mestrado; Plan de estudos cursado; Certificación académica; Programas e carga lectiva das materias cursadas, ou outra documentación que se considere necesaria segundo o criterio da Comisión de Selección.

Solicitude e admisión

A solicitude de preinscripción poderá facerse a través dos procedementos telemáticos que se establecer na plataforma da UDC.

As solicitudes formuladas por persoas con títulos académicos estranxeiros de sistemas educativos alleos ao EEES deberán ir acompañadas da seguinte documentación, traducida a calquera das dúas linguas oficiais na UDC, legalizada ou coa Apostila da Haia: título que dá acceso ao máster e certificación académica.

A matrícula realizarase nos sucesivos prazos que se inclúen no calendario de preinscrición dos másteres que aproba o Consello de Goberno da UDC á través da web da UDC.

A matrícula na UDC para o novo alumnado podes facela aquí ou se es un alumno/a que continúa estudos na UDC, podes facelo desde a Secretaría Virtual do Estudante.

Unha vez efectuada a matrícula deberá remitirse á administración do centro, ou entregarse nela, nun prazo máximo de 10 días naturais que contarán a partir da data de solicitude de matrícula, a seguinte documentación, se for o caso:

  • A solicitude de bolsa debidamente cuberta.
  • O xustificante que acredite a exención ou a redución dos prezos de matrícula.

 

20 prazas ofertadas no curso 2021/2022

Criterios e procedementos de admisión

O alumno preferentemente deberá de responder o perfil de cada un das dúas especialidades das que se compón o Máster:

-Para ser admitido á especialidade en Xerontoloxía Clínica, o alumno deberá proceder preferentemente (preferencia 1) dun título de grao afín ás Ciencias da Saúde (medicina, psicoloxía clínica e da saúde, enfermaría, fisioterapia, logopedia, terapia ocupacional, podoloxía, odontoloxía, farmacia) ou Sociais (preferencia 2), ou demostrar experiencia profesional e/ou investigadora suficiente neste ámbito, requisito a valorar pola Comisión Académica da UDC de acordo aos méritos achegados (experiencia laboral e/ou investigadora entre outros).

-Para ser admitido á especialidade en Xerontoloxía Social, o alumno (recentemente egresado ou non) deberá proceder preferentemente (preferencia 1) dun título de grao afín ás Ciencias Sociais e/ou Xurídicas (socioloxía, dereito, pedagoxía, antropoloxía, psicoloxía, demografía, xeografía, traballo social, educación física) ou da Saúde (preferencia 2), ou acreditar experiencia profesional e/ou investigadora suficiente neste ámbito, requisito a valorar pola Comisión Académica da USC acordo aos méritos achegados (experiencia laboral e/ou investigadora entre outras).

A admisión será por adecuación de perfil (ramas dos estudos de procedencia). E, no caso de que a demanda fose maior que a oferta de prazas, a admisión faríase de acordo ao baremo recollido na memoria de verificación. No caso de que haxa prazas libres dispoñibles, o alumno poderá cursar calquera das dúas especialidades sempre que a súa titulación sexa afín ás Ciencias Sociais e Xurídicas e/ou Ciencias da Saúde. O sistema de admisión do alumnado realizarase de acordo con os criterios e procedementos establecidos na convocatoria de matrícula. Toda a información relativa ao acceso e admisión pode consultarse nas páxinas específicas de cada Universidade participante.

Prazos

Prazo especial para o estudantado de sistemas universitarios estranxeiros alleos ao sistema universitario español para o curso 2021/2022:

  • 16 de xaneiro ao 30 de abril de 2021: Preinscrición
  • Primeiro prazo xeral - 2 a 6 de agosto de 2021: Matrícula

Os prazos xerais para o curso 2021/2022 son:

Primeiro prazo

  • Do 3 de maio ao 20 de xullo de 2021: Preinscrición.
  • Do 2 ao 6 de agosto de 2021: Matrícula.

Segundo prazo

  • Do 23 ao 31 de agosto de 2021: Preinscrición.
  • Do 13 ao 19 de setembro de 2021: Matrícula.

Terceiro prazo

  • Do 24 de setembro ao 4 de outubro de 2021: Preinscrición.
  • Do 18 ao 21 de outubro de 2021: Matrícula.

Os prazos xerais están tamén dispoñibles neste calendario.

bolsas e axudas

Existe un sistema de bolsas para o estudantado que o precise. Os distintos criterios e prazos dependen do tipo de bolsa e o organismo que as convoca (propias, autonómicas e estatáis). Podes consultalas nos seguintes enlaces: