Máster Universitario en Dirección, Xestión e Innovación de Institucións Escolares

2021/2022 · 60 créditos

Acceso e admisión

Para acceder ao ensino oficial de máster será necesario estar en posesión dun título universitario oficial español ou doutro expedido por unha institución de educación superior do EEES que faculte no país expedidor do título para o acceso ao ensino de máster.

Así mesmo, poderán acceder as persoas tituladas conforme a sistemas educativos alleos ao Espazo Europeo de Educación Superior, sen necesidade da homologación dos seus títulos, despois de que a UDC comprobe que estes acreditan un nivel de formación equivalente aos correspondentes títulos universitarios oficiais españois e facultan no país expedidor do título para o acceso ao ensino de posgrao. O acceso por esta vía non implicará, en ningún caso, a homologación do título previo de que estea en posesión a persoa interesada, nin o seu recoñecemento para outros efectos que o de cursar o ensino de máster.

Os titulados conforme a sistemas educativos alleos ao EEES que soliciten acceso ás ensinanzas oficiais de másteres universitarios que habilitan para o exercicio de profesión regulada, necesariamente deberán ter o seu título homologado ou declarado equivalente polo ministerio competente.

Os estudantes poderán ser admitidos a un máster conforme aos requisitos específicos e criterios de valoración de méritos que foren propios do título de máster universitario. A UDC incluirá os procedementos e requisitos de admisión no plan de estudos.

A admisión non implicará, en ningún caso, ningunha modificación dos efectos académicos e profesionais que correspondan ao título previo de que estea en posesión a persoa interesada, nin o seu recoñecemento para outro efecto que o de cursar o ensino de máster.

Perfil recomendado

Dirixido especialmente a profesores/as, educadores/as e profesionais da educación que desexen formarse e iniciarse no exercicio das responsabilidades directivas nas diferentes etapas do sistema educativo non universitario e prepararse con rigor para desempeñar no futuro cargos de responsabilidade. Igualmente, ten como obxectivo servir de complemento formativo a aqueles/as profesores e profesoras en exercicio, así como a directivos/as que desexen perfeccionar a súa experiencia profesional nesas tarefas ou actualizarse.

Requisitos de acceso comúns

1. Grao de afinidade da titulación, priorizándose: Grao en Educación Infantil, Grao en Educación Primaria, Mestrado Universitario en Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, Formación Profesional e Ensinanza de Idiomas e as titulacións extinguidas ou en proceso de extinción (Licenciatura en Psicopedagoxía, titulacións de Mestre, Diplomatura en Educación Social, Curso de Aptitude Pedagóxica e Mestrado Universitario en Dirección, Xestión e Innovación de Institucións Escolares e Socioeducativas). Titulacións afíns: Pedagoxía e Psicoloxía. a)A admisión de graduados/as ou diplomados/as en Educación Social terase en conta só no caso de que na Comunidade Autónoma de Galicia se aprobe un regulamento que lles permita acceder a centros escolares. b)Non poderá ser admitida ningunha persoa cun título que non se atope entre as titulacións prioritarias ou afíns mencionadas con anterioridade. 2.Expediente académico dos estudos cursados con anterioridade. 3.Experiencia profesional e investigadora no ámbito escolar (persoas que estean exercendo tarefas de xestión e dirección en institucións educativas como docentes).

Solicitude e admisión

A solicitude de preinscripción poderá facerse a través dos procedementos telemáticos que se establecer na UDC. Consulte a páxina de másteres, para maior información. 

As solicitudes formuladas por persoas con títulos académicos estranxeiros de sistemas educativos alleos ao EEES deberán ir acompañadas da seguinte documentación, traducida a calquera das dúas linguas oficiais na UDC, legalizada ou coa Apostila da Haia: título que dá acceso ao máster e certificación académica.

A matrícula realizarase nos sucesivos prazos que se inclúen no calendario de preinscrición dos másteres que aproba o Consello de Goberno da UDC á través da web da UDC.

Unha vez efectuada a matrícula deberá remitirse á administración do centro, ou entregarse nela, nun prazo máximo de 10 días naturais que contarán a partir da data de solicitude de matrícula, a seguinte documentación, se for o caso:

  • A solicitude de bolsa debidamente cuberta.
  • O xustificante que acredite a exención ou a redución dos prezos de matrícula.

 

20 prazas ofertadas no curso 2021/2022

Criterios e procedementos de admisión

Para a admisión do estudantado, a dirección do centro nomeará unha comisión de selección, cuxa composición farase pública no taboleiro da facultade dedicado ao mestrado e na web. A comisión de selección constituirase antes do inicio do proceso de admisión do alumnado e elaborará e publicará, no taboleiro de anuncios e na web del centro, o baremo que empregará para valorar as solicitudes presentadas. Dentro deste proceso, teranse en conta, de forma obxectiva, os méritos que as persoas aspirantes poidan achegar en relación á súa traxectoria académico-profesional (título, expediente académico e documentos acreditativos do currículum vitae). Finalizada a baremación, a comisión de selección elaborará dúas listaxes provisionais de persoas admitidas (distinguindo as solicitudes a tempo completo e a tempo parcial) e excluídas (especificando o motivo da exclusión, de ser o caso). Tras o prazo de reclamacións ás listaxes provisionais e unha vez que estas se resolvan pola comisión, o/a secretario/a desta entregará na administración do centro as listaxes definitivas, que conterán a puntuación concedida a cada solicitante.

bolsas e axudas

Existe un sistema de bolsas para o estudantado que o precise. Os distintos criterios e prazos dependen do tipo de bolsa e o organismo que as convoca (propias, autonómicas e estatáis). Podes consultalas nos seguintes enlaces: