Logo da Universidade da Coruña

Programa de simultaneidade do Grao en Administración e Dirección de Empresas e o Grao en Dereito

2016/2017 · 402 créditos

Introdución

A Universidade da Coruña, no seu obxectivo de presentar alternativas de formación que melloren a oferta dispoñible, posibilita que os estudantes poidan cursar de forma simultánea os estudos do Grao en Dereito e o Grao en Administración e Dirección de Empresas (ADE) mediante a proposta dun programa conxunto elaborado pola Facultade de Dereito e a Facultade de Economía e Empresa sobre os plans de estudos oficiais.

Estes estudos veñen impartíndose nos devanditos centros desde hai catro anos, de maneira que no curso 2014-2015 se graduará a primeira promoción do Programa de simultaneidade nos graos de Dereito e ADE(neste curso 2013-2014 graduarase a sexta promoción da dupla titulación).

No curso 2013-2014 a nota de corte para acceder á simultaneidade do Grao en Dereito e do Grao en ADE, que soamente conta con 60 prazas, situouse nun 10,168.

O estudo está verificado e publicado

Por que estudar a titulación

O interese formativo deste programa resulta indudable, pois permite atinxir un perfil profesional de gran proxección no ámbito laboral, ao se capacitar o alumnado en dúas disciplinas complementarias e de cada vez maior demanda na sociedade, ben no sector privado ou ben no sector público

No tocante ao Grao en Dereito, a formación que se acada é a propia dos xuristas (avogados, xuíces, fiscais etc.), co labor principal de interpretar e aplicar a lei, así como representar e defender a cidadanía ante os conflitos que se lle formularen.

Se te rebelas ante as inxustizas, se soñas con defender os máis desprotexidos ou con aplicar a xustiza como xuíz/a ou fiscal, esta é a túa carreira.

Canto ao Grao en Administración e Dirección de Empresas, a formación que se acada é a dos profesionais nas áreas da xestión económica e empresarial (directivos de empresa, administradores, xestores etc.), co labor principal de dirixir, organizar e xestionar, así como de crear empresas e asesorar aos novos emprendedores na posta en marcha dos seus negocios.

Así, se te rebelas ante a crise e tes ideas para promover saídas que melloren o benestar económico e social, pode que debas cursar esta titulación.

Podes visitar a páxina web da Facultade de Dereito.

Podes visitar a páxina web da Facultade de Economía e Empresa .

 Folleto informativo

Folla de ruta

Data publicación plan estudos BOE 26/04/2010