Logo da Universidade da Coruña

Programa Oficial de Doutoramento en Investigación Agraria e Forestal

2015/2016

Introdución

O Programa de Doutoramento en Investigación Agraria e Forestal é un título universitario oficial de carácter multidisciplinar que ofrece ao alumnado a posibilidade de elixir entre un amplo abano de temas relacionados coa produción agraria e forestal de Galicia e da rexión bioxeográfica atlántica de Europa.

Participan no programa persoal investigador de dous centros da Universidade da Coruña (Instituto de Xeoloxía e Facultade de Ciencias) e de catro departamentos da Universidade de Santiago de Compostela (Produción Vexetal, Edafoloxía e Química Agrícola, Fisioloxía Vexetal e Botánica).

O obxectivo deste programa consiste na formación de expertos capacitados en investigación agraria, forestal e agroforestal. As competencias adquiridas están orientadas á mellora da produción e á sustentabilidade do medio.

O estudo está verificado e publicado

Por que estudar a titulación

Este programa de doutoramento está encamiñado á análise dos procesos básicos e á xestión dos sectores agrario e forestal de Galicia, onde tales sectores son moi representativos pola superficie que ocupa e pola súa elevada produtividade.

Esta temática abórdase no programa de "Investigación Agraria e Forestal" desde diferentes perspectivas como a produción agrícola, a produción forestal, a xestión agrícola, a xestión forestal, as pragas e enfermidades, a conservación dos solos e augas e a sustentabilidade ambiental, entre outras.

Este programa proporciona aos/as estudantes ferramentas metodolóxicas avanzadas para a investigación, tanto básica como aplicada.

Por tanto, os investigadores e técnicos formados en "Investigación Agraria e Forestal" disporán de bases sólidas para a mellora da produtividade, tendo en conta a eficiencia económica, á vez que se limitan ou se impiden os danos ao medio.

Este estudo é interuniversitario, ademais da Universidade da Coruña, participan na súa docencia as seguintes universidades:

  • Universidade de Santiago de Compostela

Folla de ruta

Curso de comezo 2013-2014
Data última modificación/verificación ACSUG 29/07/2013
Data publicación autorización DOG 20/12/2013
Data publicación BOE de carácter oficial 11/03/2014
Data publicación plan estudos BOE 11/03/2014