Logo da Universidade da Coruña

Mestrado Universitario en Rehabilitación Arquitectónica

2015/2016

Introdución

O Mestrado Universitario en Rehabilitación Arquitectónica é un ciclo oficial de estudos de duración anual cuxo fin é ofrecer unha formación avanzada nos ámbitos da inspección e intervención no patrimonio construído. O tema reviste o máximo interese no marco socioeconómico actual, que derivou nunha drástica redución na construción de obras de nova planta. As evidencias apuntan a que esta será unha tendencia sostida cando menos a medio prazo, aínda que compensada parcialmente pola crecente demanda en tarefas de inspección técnica e conservación, e o incremento de obras vinculadas á reforma, rehabilitación e restauración de edificacións, máis en consonancia cos aliñamentos europeos da arquitectura das últimas décadas.

En todo tipo de foros vénse recoñecendo a importancia estratéxica da rehabilitación polo que respecta á necesaria conservación do patrimonio, pero tamén pola súa adecuación ás crecentes esixencias en ámbitos como a accesibilidade, a habitabilidade ou a eficiencia enerxética. As competencias profesionais necesarias neste escenario requiren unha ampla intensificación formativa acorde, por outro lado, coas pautas de aprendizaxe e actualización continuos que as sociedades requiren dos seus profesionais.

En consecuencia, o presente mestrado trata un amplo espectro de temas vinculados ao ámbito da rehabilitación arquitectónica, incluíndo tanto os aspectos de índole conceptual como os de carácter estritamente técnico. Baixo estas consideracións o programa deseñouse cun claro enfoque multidisciplinar, buscando formar expertos especialistas nun campo que presumiblemente será acredor dunha crecente demanda.

O estudo está verificado e publicado

O estudo renovou a sua acreditación o xoves, 30 de abril de 2015.

Por que estudar a titulación

Motivacións de índole profesional: o Mestrado Universitario en Rehabilitación Arquitectónica ofrece unha formación teórico-práctica avanzada nos ámbitos da xestión do patrimonio construído, a inspección técnica das edificacións, e a súa posible conservación e rehabilitación, de acordo cun enfoque multidisciplinar de elevada especialización. Pretende, así, formar expertos na área, capaces de afrontaren a máis que previsible reestruturación do sector e os obxectivos estratéxicos perfilados na Lei 8/2013, do 26 de xuño, de rehabilitación, rexeneración e renovación urbanas, acordes, por outro lado, coa actual dinámica europea. Á luz destas consideracións faise patente o propósito de favorecer maiores índices de empregabilidade entre o alumnado.

Motivacións de índole formativa: o programa brinda unha notable intensificación de contidos no seu ámbito temático, desenvolvida por un profesorado cunha dilatada experiencia docente e profesional. Adicionalmente, no Mestrado desenvólvense competencias na vertente investigadora, o cal constitúe, por tanto, unha vía eficaz á hora de se iniciar nesta.

Web informativa

Folla de ruta

Curso de comezo 2007-2008
Data última modificación/verificación ACSUG 29/12/2008
Data publicación autorización DOG 08/02/2007
Data publicación BOE de carácter oficial 14/06/2007
Data publicación plan estudos BOE 06/09/2012