Logo da Universidade da Coruña

Mestrado Universitario en Políticas Sociais e Intervención Sociocomunitaria

2016/2017 · 120 créditos

Introdución

A proposta de creación do Mestrado en Políticas Sociais e Intervención Sociocomunitaria (MOPS) xurde como alternativa ó Mestrado Universitario en Migracións Internacionais: Investigación, Políticas Migratorias e Mediación Intercultural (MOMI), que está en extinción despois de sete cursos académicos de andadura.

A conformación do novo Título, máis orientado cara políticas sociais, a exclusión social e a intervención social e comunitaria nace da necesidade das emerxentes demandas de cualificación profesional, pero tamén de actualización de coñecementos por parte do ámbito académico-científico, que permitan a actuación antes as problemáticas sociais emerxentes na actualidade.

O Mestrado está enfocado cara o amplo colectivo de egresados/as principalmente dos ámbitos da Socioloxía, a Ciencia Política, a Economía, a Educación Social e o Traballo Social, ao tempo que tamén resulta de interese para titulados/as de outras disciplinas, principalmente do ámbito das Ciencias Sociais e Xurídicas.

O Mestrado ten unha duración de dous cursos académicos. No primeiro curso ofrécese unha formación especializada en políticas sociais, procesos de exclusión e intervención sociocomunitaria con materias de contidos teórico-prácticos e metodolóxicos. No segundo curso o estudantado deberá escoller unha especialidade: Migracións, Xénero, ou Envellecemento e transformacións familiares. O proceso formativo culmina ca realización das prácticas e do Traballo Fin de Mestrado (TFM).

O estudo está verificado e pendente de publicación

Por que estudar a titulación

O Mestrado en Políticas Sociais e Intervención Sociocomunitaria ofrece a posibilidade ser cursado de maneira presencial ou a distancia. Ademais, ofértanse tres especialidades: Migracións, Xénero, e Envellecemento e transformacións familiares.

O principal obxectivo é proporcionar unha formación especializada e de calidade para persoas que desenvolverán as súas competencias como expertos/as na análise e a avaliación das políticas sociais, pero tamén na acción e intervención social, tanto desde o ámbito profesional como investigador. En consecuencia, serán capaces de analizar criticamente as políticas sociais, coñecer en profundidade a administración e xestión de servizos sociais, intervir na comunidade para o seu desenvolvemento, avaliar fielmente os servizos sociais e prestar atención social ás persoas de maneira integral.

Os obxectivos específicos son:

- Dotar ao estudantado de ferramentas teóricas e metodolóxicas de investigación en Ciencias Sociais para o estudos dos procesos de exclusión e desigualdade na sociedade actual.

- Desenvolver coñecementos teórico-prácticos sobre a análise do benestar social das poboacións, así como o deseño das políticas que o melloren.

- Dominar a análise, tanto cuantitativa como cualitativa, da realidade e os problemas sociais, que permita a definición de indicadores para a avaliación de calquera programa ou proxecto relacionado coa esfera pública ou social.

- Profundizar no coñecemento de necesidades sociais e na acción e intervención social, con especial referencia a fenómenos actuais, como a inmigración, as minorías étnicas, a violencia de xénero, as transformacións familiares e sociodemográficas, etc.

Folla de ruta

Data publicación BOE de carácter oficial 26/10/2016