Logo da Universidade da Coruña

Mestrado Universitario en Dereito: Estudos da Unión Europea

2017/2018 · 60 créditos

Introdución

O Mestrado Universitario en Dereito: Estudos da Unión Europea (Mestrado UE) impártese na Facultade de Dereito desta universidade desde o ano 1998. Foi implantado como mestrado universitario de carácter académico-investigador no ano 2006, en virtude do Decreto 51/2006, do 23 de marzo, da Consellería de Educación da Xunta de Galicia. Os estudantes das diversas promocións finalizaron os seus estudos cun alto nivel de especialización no dereito da Unión Europea, o que permitiu a algúns deles dar un salto profesional ao ámbito internacional e traballar hoxe en día nas institucións da Unión Europea.

O obxectivo principal do Mestrado UE está constituído pola formación de profesionais cualificados na Administración europea e na xestión de recursos da Unión Europea. Deste xeito, quérese dar resposta á demanda crecente que destes profesionais existe no mercado de traballo e, particularmente, nas distintas administracións (local, autonómica, nacional e da Unión Europea), así como nas empresas, e, en xeral, nos axentes económicos e xurídicos que están chamados a operar nun mercado único e cunha moeda única, rexidos, esencialmente, polo dereito da Unión Europea.

O estudo está verificado e pendente de publicación

 

Prezo para o alumnado con residencia en España ou na UE
Prezo aproximado do curso (60 ECTS) para o alumnado de primeira matrícula con residencia en España ou na UE.
1.297€
Prezo para o alumnado sen residencia en España ou na UE
Prezo aproximado do curso (60 ECTS) para o alumnado de primeira matrícula sen residencia en España.
2.399€
Prazas ofertadas para o curso 2017/2018
0

Por que estudar a titulación

Se queres ter coñecementos especializados en dereito da Unión Europea ou pretendes traballar no ámbito desta organización internacional, este é o teu mestrado.

O mercado de traballo desenvólvese nun contexto cada vez máis internacional, onde as fronteiras diminúen e as relacións internacionais se incrementan. Todo iso fai necesario un alto grao de coñecementos xurídicos que permitan afrontar e resolver os litixios que se expoñen, moitos deles con importantes implicacións no dereito da Unión Europea.

A formación do estudantado neste mestrado profunda nas materias relevantes no ámbito do dereito da Unión Europea e responde á demanda crecente de profesionais con estudos especializados. Os contidos están orientados a adquirir un sólido coñecemento do ordenamento xurídico da Unión Europea que permita aos estudantes teren máis e mellores competencias unha vez rematados os seus estudos de mestrado e así melloraren os seus perfís académicos de cara ao comezo e desenvolvemento da súa futura carreira profesional.

Podes visitar a nosa páxina web.

Cartel do Mestrado

 Folleto informativo