Logo da Universidade da Coruña

Programa Oficial de Doutoramento en Química Ambiental e Fundamental

2017/2018

Que se aprende

O Programa Oficial de Doutoramento en Química Ambiental e Fundamental é un programa interdisciplinar, no que participan doutores de seis áreas de coñecemento do ámbito das Ciencias (Química Analítica, Química-Física, Química Inorgánica, Química Orgánica, Enxeñaría Química e Física) pertencentes a 10 grupos de investigación que figuran no catálogo de grupos de investigación da UDC, maioritariamente adscritos á Facultade de Ciencias e ao Centro de Investigacións Científicas Avanzadas –CICA https://cica.udc.es/) da UDC. Este centro de investigación, que reúne a investigación nas áreas dos grupos de referencia internacional de Química e Bioloxía da UDC, conforma, xunto co Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC), Agrupación Estratéxica CICA-INIBIC. A dita agrupación, recoñecida e financiada pola Xunta de Galicia, constitúe unha contorna multidisciplinar e sinérxica enfocada a dar unha resposta eficaz a retos biomédicos, tecnolóxicos e medioambientais, e o seu principal obxectivo é ser referente en investigación, formación e transferencia para os grandes retos da sociedade, de modo que garanta a retención do talento e a captación de recursos para un crecemento sustentable. (https://cica.udc.es/es/inibic-presentacion).(

O interese investigador do programa, centrado na Química, enfócase cara á investigación de estruturas, procesos e mecanismos das reaccións químicas e, naturalmente, a síntese de novos compostos con evidentes fins tecnolóxicos que poden ser, ou non, inmediatos. Tamén abrangue as metodoloxías de análise existentes e o desenvolvemento das mesmas, así como o tratamento da información como apoio a todo elo. Estes estudos distribúense en 31 liñas de investigación (vide infra) que, a súa vez, agrúpanse en 4 grandes áreas temáticas::

1.Química Molecular e Supramolecular. Materiais Moleculares.

  • L1. “Complexacións de Lantánidos con Aplicacións Tecnolóxicas e de Diagnóstico
  • L2. “Complexación Selectiva de Metais Pesados”
  • L3. “Química de Coordinación Macrocíclica”
  • L4. “Química Supramolecular e Complexación Selectiva de Anións e Metabolitos”
  • L5. “Química Computacional Aplicada aos Compostos de Coordinación”
  • L15. “Síntese e Reactividade de Compostos Organometálicos”
  • L16. “Aplicacións de Compostos Organometálicos”
  • L22. “Autoensamblaxe dirixido por Centros Metálicos”
  • L23. “Illamento, Determinación Estrutural e Síntese de Novas Sustancias de Orixe Natural e Análogos”
  • L24. “Novas Metodoloxías en Determinación Estrutural por RMN”
  • L25. “Catálise Organometálica e Química Sustentable. Reaccións de Acoplamento de Metais de Transición: Organometálicos de Indio e Ouro”
  • L26. “Síntese de Compostos Bioactivos e Materiais Moleculares”
  • L27. “Síntese Estereoselectiva e Modelización Molecular”
  • L28. “Química Bioinorgánica: Complexos de Vanadio con Aplicacións Catalíticas e Complexos de Rutenio con Aplicacións Antitumorais”
  • L29. “Deseño e Síntese da Vitamina D e Análogos con Aplicacións Biomédicas. Compostos Marcados Isotópicamente”

2.Química de Sólidos Non-Moleculares e Materiais Poliméricos.

  • L11. “Síntese, Caracterización Estrutural e Microestrutural de Materiais (Óxidos Mixtos, Híbridos Inorgánicos-Orgánicos, Nanomateriais, etc)”.
  • L12 “Estudo de Materiais Funcionais e Multifuncionais (Propiedades Dieléctricas, Eléctricas, Magnéticas, Multiferroicas, Termoeléctricas, Térmicas, etc)”
  • L14. “Química de Materiais Lignocelulósicos”
  • L30. “Reoloxía e Procesado de Materiais Poliméricos”
  • L31. “Deseño de Polímeros Activos para Alimentos”

3.Reactividade Química.

  • L6. “Estudos in vitro de Procesos de Oxidación Celular”
  • L8. “Caracterización Teórica de Mecanismos de Reacción”
  • L10. “Modelización de Disolucións Iónicas: Aspectos Termodinámicos e Cinéticos”
  • L21. “Cinética Química. Reaccións de Nitrosación e Hidrólise. Catálise de Medios Microheteroxéneos. Simulación de Catálise Enzimática”

4.Química Ambiental e Análise Químico.

  • L7. “Fotoquímica de Compostos de Interese Ambiental”
  • L9. "Procesos Fisicoquímicos de Interacción de Metais con Biomateriais: Bioadsorción"
  • L13. “Depuración de Augas Residuais. Dixestión Anaerobia”
  • L17. “Análise de Contaminación Radioactiva”

As diferentes liñas de investigación tratan de dar resposta aos retos expostos no Horizonte 2020 e aos obxectivos estratéxicos do Plan Estatal de Investigación Científica e Técnica e de Innovación en vigor, e están aliñadas coas liñas prioritarias do Programa RIS3 Galicia. En ningún caso constitúen ámbitos illados, senón que se establecen múltiples sinerxías entre elas de xeito que permiten o desenvolvemento dunha investigación en transversal e posibilitan que os doutorandos adquiran unha visión integral da Química.

Competencias xenéricas

CB1. Comprensión sistemática dun campo de estudo e dominio das habilidades e métodos de investigación relacionados co devandito campo.

CB2. Capacidade de concibir, deseñar, pór en práctica e adoptar un proceso substancial de investigación.

CB3. Capacidade para contribuír á ampliación das fronteiras do coñecemento a través dunha investigación orixinal.

CB4. Capacidade de realizar unha análise crítica e de avaliación e síntese de ideas novas e complexas.

CB5. Capacidade de comunicación coa comunidade académica e científica e coa sociedade en xeral, acerca dos seus ámbitos de coñecemento nos modos e idiomas de uso habitual na súa comunidade científica internacional.

CB6. Capacidade de fomentar, en contextos académicos e profesionais, o avance científico, tecnolóxico, social, artístico ou cultural dentro dunha sociedade baseada no coñecemento.

Competencias específicas

CE1. Capacidade para manexar as técnicas cualitativas e cuantitativas necesarias para o deseño de experimentos no ámbito da química, incluíndo a síntese, a análise e/ou a caracterización de especies químicas.

CE2. Capacidade para desenvolver e aplicar as técnicas e ferramentas necesarias para a caracterización, a análise e o control ambiental en aire, augas, solos, residuos etc., incluíndo novos métodos, procesos e tecnoloxías de control e tratamento ambiental.

CE3. Capacidade para identificar os retos actuais de investigación nos campos da química e o medio ambiente, desenvolver propostas innovadoras e divulgar a propia investigación en ámbitos científicos e de transferencia científico-tecnolóxica.

Saídas profesionais e académicas

Saídas profesionais e académicas

A titulación de Química atópase entre as vinte máis demandadas polos empregadores, de modo que o químico representa o cuarto sector en importancia de emprego do país. En particular, a industria química española é un sector que xera o 11% do PIB e máis de 500.000 postos de traballo no noso país.

O sector químico é o segundo maior exportador da economía española, e o primeiro investidor en I+D+i e en protección do medio.

Ademais do sector da industria química, os doutores especializados en química teñen saídas profesionais noutros ámbitos como son os centros de investigación, a administración pública e o ensino. Neste sentido, o Programa Oficial de Doutoramento en Química Ambiental e Fundamental ten en conta a ampla oferta sectorial de emprego, ofrecendo a especialización necesaria nos sectores de maior demanda onde destacan o medio ambiente e o sector químico tanto básico como aplicado.

O alumnado egresado contribuirá a dar resposta ás demandas da industria, a administración e a sociedade en xeral, impulsando a investigación e o desenvolvemento e innovación científico-tecnolóxica.

Empresas e institucións colaboradoras

A incorporación de perfís profesionais no título está garantida a través da colaboración do profesorado e dos grupos de investigación que participan no programa con empresas e industrias, o cal facilita o intercambio e a transferencia de coñecemento.

É de resaltar que algunhas teses de doutoramento deste programa se realizan en estreita colaboración con empresas e a administración nas que os profesionais implicados participan directamente (Endesa, Repsol, ENCE, CETMAR, Asesores Ambientais, Espiña e Delfín, PIPO Systems, Novotec, Applus, VEGALSA-EROSKI, Xiloga, Toysal, ALCOA S:A: SOGAMA, FEUGA, CHUAC, Xunta de Galicia, Concello da Coruña etc.), ademais de contar coa colaboración de profesionais de distintos sectores estratéxicos en actividades como charlas, xornadas e seminarios organizados polo programa de doutoramento e por outras titulacións que se imparten na Facultade de Ciencias. Isto permite aos alumnos contaren cunha visión próxima das actividades e necesidades dos distintos sectores.

É obxectivo preferente deste programa a mobilidade do doutorando, con especial fincapé na súa internacionalización. A este respecto, todos os grupos de investigación implicados contan con colaboracións externas, nunha altísima porcentaxe estranxeiras, e moitos están implicados en redes de investigación, tanto nacionais como internacionais.

Liñas de investigación

Estas son as liñas de investigación principáis deste programa de doutoramento:

  • Análise de contaminación radioactiva
  • Aplicacións de compostos organometálicos
  • Autoensamblaxe dirixido por centros metálicos
  • Caracterización teórica de mecanismos de reacción
  • Catálise organometálica e química sostible. Reaccións de acoplamento metais de transición: Organometálicos de indio e ouro
  • Cinética Química. Reaccións de nitrosación e hidrólise. Catálise de medios microheteroxéneos. Simulación de catálise enzimática
  • Complexación de lantánidos con aplicacións tecnolóxicas e de diagnóstico
  • Complexación selectiva de metais pesados
  • Depuración de augas residuais. Dixestión anaerobia
  • Desenvolvemento de bioprocesos sostibles para o tratamento de efluentes líquidos e gasosos
  • Desenvolvemento e Aplicación de metodoloxías analíticas nos campos industrial, medioambiental e agroalimentario
  • Deseño de polímeros activos para alimentos
  • Deseño e síntese da vitamina D e análogos con aplicacións biomédicas. Compostos marcados isotópicamente
  • Estudo de materiais funcionais e multifuncionais (propiedades dieléctricas, eléctricas, magnéticas, multiderroicas, termoeléctricas, térmicas etc)
  • Estudo in vitro de procesos de oxidación celular
  • Fotoquímica de compostos de interés ambiental
  • Illamento, determinación estrutural e síntese de novas sustancias de orixe natural e análogos
  • Modelización de interaccións en disolucións iónicas: Aspectos termodinámicos e cinéticos
  • Novas metodoloxías en determinación estrutural por RMN
  • Procesos fisicoquímicos de interacción de metais con biomateriais: Bioadsorción
  • Química bioinorgánica: complexos de vanadio con aplicacións catalíticas e complexos de rutenio con aplicacións antitumorais
  • Química computacional aplicada aos compostos de coordinación
  • Química da coordinación macrocíclica
  • Química de materiais lignocelulósicos
  • Química supramolecular e complexación selectiva de anións e metabolitos
  • Quimiometría e control de calidade
  • Reoloxía e procesado de materiais poliméricos
  • Síntese de compostos bioactivos e materiais moleculares
  • Síntese e reactividade de compostos organometálicos
  • Síntese estereoselectiva e modelización molecular
  • Síntese, caracterización estrutural e microestrutural de materiais (óxidos mixtos, híbridos inorgánicos-orgánicos, nanomateriais etc)

Planificación do ensino

Complementos de formación específicos

No caso de que o doutorando careza da formación previa completa esixida no programa, a súa admisión no programa poderá quedar condicionada á superación de complementos de formación específicos, que poderán ser materias ou módulos de mestrado e grao. Os complementos asignados a un mesmo doutorando non poderán superar os 15 créditos ECTS e poderán realizarse de forma previa ou simultánea á matrícula en tutela académica no programa.

No caso de realización simultánea o alumnado deberá matricularse destes complementos no momento de formalizar a matrícula de tutela académica no programa, que deberán superarse no prazo máximo de tres cuadrimestres consecutivos. De non facelo así, o alumnado causará baixa no programa.

Tamén podes consultar o Regulamento de Estudos de Doutoramento da UDC, Artigo 16: Admisión.

Actividades formativas da EIDUDC

 

Actividades formativas da EIDUDC

Actividades formativas do programa

1. ACTIVIDADES OBRIGATORIAS:

  • 1.1. Asistencia a Charlas/conferencias. Cada doutorando deberá asistir, polo menos, a dúas charlas/conferencias anuais. Control mediante sinatura ou certificado de asistencia.
  • 1.2. Asistencia a Congresos. Antes da defensa da tese de doutoramento, cada doutorando asistirá, polo menos, a un congreso. Control mediante certificado de asistencia.
  • 1.3. Asistencia a seminarios de grupo. Son reunións do grupo de investigación no que se adscribe o doutorando e permítelle coñecer en detalle a investigación que leva a cabo no seu propio grupo. Organízanas e planifican os propios grupos de investigación e o seu coordinador informará da asistencia.
  • 1.4. Xornadas de seguimento de doutorandos. Realízase ao final do segundo ano de doutoramento. Cada doutorando exporá, en sesión pública, un breve resumo da investigación realizada ata o momento.
  • 1.5. Xornadas informativas para doutorandos. Trátase de charlas informativas impartidas por doutores egresados que darán a súa visión sobre a realidade profesional deste colectivo. É unha actividade obrigatoria para os doutorandos de terceiro ano. Control mediante sinatura.
  • 1.6. Redacción de artigos científicos. Antes da defensa da tese doutoral, cada doutorando debe de redactar, polo menos, un artigo científico relacionado con ela.

2. ACTIVIDADES OPTATIVAS:

  • 2.1.Estadías en centros I+D. A realización dunha estadía mínima de tres meses nun centro de investigación estranxeiro é requisito imprescindible para optar á Mención de Doutor Internacional.
  • 2.2. Asistencia a seminarios de investigación especializados. Son seminarios impartidos por profesores visitantes. Controlarase mediante firma e certificado de asistencia.
  • 2.3. Asistencia a cursos e talleres.

Compromiso documental de supervisión

Especifica a relación académica entre o doutorando e a Universidade, os seus dereitos e deberes, incluídos os posibles dereitos de propiedade intelectual e/ou industrial derivados da investigación, así como a aceptación do procedemento de resolución de conflitos e a súa duración. Inclúe tamén os deberes do/a titor/a do doutorando e do seu director ou directora de tese.

O devandito compromiso será asinado por unha representación específica designada pola universidade, o/a titor/a e o doutorando, nun prazo máximo dun mes que comezará a contar desde a data da matrícula, mentres que a sinatura do/a director/a se incorporará no momento da súa designación.

Este compromiso de supervisión engadirase ao documento de actividades do doutorando no momento da súa sinatura por todas as persoas implicadas.

Tamén podes consultar o Regulamento de Estudos de Doutoramento da UDC, Artigo 31: Compromiso de supervisión.

Plan de investigación

Nun prazo de seis meses logo da matrícula, o estudante elaborará un Plan de Investigación que incluirá a metodoloxía, os obxectivos, os medios e a planificación temporal. O plan presentarase avalado co informe do director e/ou titor e deberá ser aprobado pola CAPD. Este plan poderá mellorarse no proceso de avaliación anual contando co aval do director e/ou titor.

Anualmente, a CAPD avaliará o Plan de Investigación, xunto cos informes que a tal efecto deberán emitir o titor/a e/ou o director/a, e o documento de actividades. A avaliación positiva será requisito indispensable para continuar no programa. En caso de avaliación negativa, o estudante elaborará un novo Plan que será avaliado no prazo de seis meses. En caso de nova avaliación negativa, causará baixa definitiva no programa.

Tamén podes consultar o Regulamento de Estudos de Doutoramento da UDC, Artigo 30: Plan de investigación.

Profesorado

Accións para a mobilidade do estudantado

A UDC mantén convenios de mobilidade de estudantes con universidades e institucións de educación superior de catro continentes. Cada curso académico publícanse varias convocatorias de mobilidade de estudantes para que estes poidan cursar parte dos seus estudos nunha desas institucións (un semestre ou un ano académico completo), obtendo pleno recoñecemento académico ao seu regreso no expediente UDC do estudante.

Nesas convocatorias publícanse as prazas das que a UDC dispón para ofrecer aos estudantes dos distintos centros e, no seu caso, as condicións específicas de cada unha delas. Do mesmo xeito, todos os anos convócanse bolsas para financiar a realización de prácticas no estranxeiro por parte dos estudantes

As prácticas serán tamén recoñecidas como parte do seu expediente académico ou no suplemento europeo ao título. O estudante é libre para buscar a empresa ou institución de destino do EEES na que desexa facer as prácticas. A estes efectos, a UDC ten un taboleiro virtual no que se publican as ofertas que chegan ao seu coñecemento.

As convocatorias de mobilidade xestiónanse conxuntamente nos centros de procedencia dos estudantes, baixo a dirección dos Responsables de Relacións Internacionais dos centros, e na Oficina de Relacións Internacionais da Universidade (ORI). Os requisitos xerais para acceder a unha praza de mobilidade, os dereitos e obrigacións dos estudantes, así como o procedemento para conceder as prazas regúlanse no Regulamento de Mobilidade da UDC.