Logo da Universidade da Coruña

Programa Oficial de Doutoramento en Investigación en Tecnoloxías da Información

2015/2016

Que se aprende

Neste programa de doutoramento participan o Grupo de Arquitectura de Computadores da UDC e os Grupos de Sistemas Intelixentes, Visión Artificial, Arquitectura de Computadores, Enxeñaría do Coñecemento, e os laboratorios de Sistemas e o de Imaxe Dixital da USC. As liñas de investigación do programa son: 1- Arquitectura de procesadores 2- Computación paralela e distribuida 3- Computación gráfica 4- Computación flexible 5- Computación ubicua 6- Deseño electrónico 7- Dispositivos electrónicos 8- Procesamento de imaxe e vídeo 9- Sistemas de información 10-Sistemas intelixentes

Competencias xenéricas

1. Desenvolvemento das capacidades comprensivas, de análise e síntese. 2. Desenvolvemento das capacidades para suscitar e resolver problemas complexos aplicando os coñecementos adquiridos. 3. Desenvolvemento de capacidades para aplicar coñecementos a contornas novas, para formular e resolver novas preguntas, para suscitar e contrastar novas hipóteses. 4. Desenvolvemento da habilidade de elaboración, presentación e defensa de traballos científicos. 5. Desenvolvemento das habilidades para debater, integrando coñecementos. 6. Desenvolvemento de habilidades para a divulgación de ideas en contextos académicos ou non especializados. 7. Desenvolvemento de habilidades no manexo, tratamento e desenvolvemento de ferramentas analíticas complexas, en particular matemáticas, estatísticas e informáticas.

Competencias específicas

1. A organización, a xestión e as políticas no ámbito de proxectos TIC e de resultados de investigación. 2. Adquisición de habilidades na análise e resolución de problemas complexos no ámbito do TIC. 3. Optimización dos recursos TIC na solución de problemas.

Saídas profesionais e académicas

Saídas profesionais e académicas

O sector das tecnoloxías da información no que se enmarca esta titulación é un dos máis emerxentes na actualidade, e atravesa un momento de grandes avances, o que favorece a inserción laboral dos doutorandos deste programa. Estes profesionais teñen cabida en actividades de I+D+i na empresa privada, na docencia superior e en institutos públicos de investigación. Tamén, o elevado número de liñas de investigación do programa favorece a especialización en perfís diversos dentro do ámbito das TIC, favorecendo a empregabilidade dos titulados.

Empresas e institucións colaboradoras

Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA), con convenio Coremain, SLU, con convenio Outras sen convenio: Netex Knowledge, Información e comunicación local S.A, 2Mares Demil SL, SATDATA Telecom SL, Microeléctricas S.L. (Anafocus), MeteoGalicia, Continental producciones SL, Universidade de Sheffield, Universidade de Glasgow, European Center for Soft Computing, ATOS Origin, Level Telecom, Egatel, R Cable y Comunicaciones Galicia S.A., Hewlett-Packard, Factoría de Software e Multimedia S.L., Ingeniería y Calderería Plástica SA, IDEKO SOC. COOP, Centro Tecnológico de la Pesca (CETPEC)

Liñas de investigación

Estas son as liñas de investigación principáis deste programa de doutoramento:

  • Arquitectura de procesadores
  • Computación flexible
  • Computación gráfica
  • Computación paralela e distribuida
  • Computación ubicua
  • Deseño electrónico
  • Dispositivos electrónicos
  • Procesamento de imaxen e video
  • Sistemas de información
  • Sistemas intelixentes

Planificación do ensino

Complementos de formación específicos

No caso de que o doutorando careza da formación previa completa esixida no programa, a súa admisión no programa poderá quedar condicionada á superación de complementos de formación específicos, que poderán ser materias ou módulos de mestrado e grao. Os complementos asignados a un mesmo doutorando non poderán superar os 15 créditos ECTS e poderán realizarse de forma previa ou simultánea á matrícula en tutela académica no programa.

No caso de realización simultánea o alumnado deberá matricularse destes complementos no momento de formalizar a matrícula de tutela académica no programa, que deberán superarse no prazo máximo de tres cuadrimestres consecutivos. De non facelo así, o alumnado causará baixa no programa.

Tamén podes consultar o Regulamento de Estudos de Doutoramento da UDC, Artigo 16: Admisión.

Actividades formativas da EIDUDC

Actividades formativas da EIDUDC

Actividades formativas do programa

- Envío de artigo a unha revista (450 horas). Obrigatoria. Planificarase, polo menos, a publicación nunha revista internacional, preferentemente, polo menos no terceiro ano como primeiro autor e principal contribuínte do traballo. No caso de estudantes a tempo parcial poderase planificar durante o cuarto ano. - Visita a empresas e/ou centros tecnolóxicos (20 horas). Obrigatoria. Planificaránse unha ou dúas visitas a empresas e/ou centros tecnolóxicos durante a etapa de doutoramento. No caso de estudantes a tempo parcial será suficiente que se acuda a unha visita. - Ciclos de conferencias de expertos de recoñecido prestixio (15 horas). Obrigatoria. Planificaranse diversas conferencias impartidas por expertos na materia ao longo do ano, ás que o alumno deberá asistir a un mínimo dunha ao ano. O titor da tese seleccionará polo menos 6 ás que deberá asistir o doutorando durante o tempo de realización da tese. No caso de estudantes a tempo parcial poderase acudir a un mínimo de 3 conferencias. - Presentación dun relatorio/póster en congreso nacional ou internacional, ou noutros centros ou universidades. (50 horas). Obrigatoria. Planificarase polo menos a presentación nun congreso , ou noutros centros de investigación ou universidades coas que estea colaborando o doutorando, como primeiro autor e principal contribuínte do traballo se é posible durante a primeira metade do doutoramento.

Compromiso documental de supervisión

Especifica a relación académica entre o doutorando e a Universidade, os seus dereitos e deberes, incluídos os posibles dereitos de propiedade intelectual e/ou industrial derivados da investigación, así como a aceptación do procedemento de resolución de conflitos e a súa duración. Inclúe tamén os deberes do/a titor/a do doutorando e do seu director ou directora de tese.

O devandito compromiso será asinado por unha representación específica designada pola universidade, o/a titor/a e o doutorando, nun prazo máximo dun mes que comezará a contar desde a data da matrícula, mentres que a sinatura do/a director/a se incorporará no momento da súa designación.

Este compromiso de supervisión engadirase ao documento de actividades do doutorando no momento da súa sinatura por todas as persoas implicadas.

Tamén podes consultar o Regulamento de Estudos de Doutoramento da UDC, Artigo 31: Compromiso de supervisión.

Plan de investigación

Nun prazo de seis meses logo da matrícula, o estudante elaborará un Plan de Investigación que incluirá a metodoloxía, os obxectivos, os medios e a planificación temporal. O plan presentarase avalado co informe do director e/ou titor e deberá ser aprobado pola CAPD. Este plan poderá mellorarse no proceso de avaliación anual contando co aval do director e/ou titor.

Anualmente, a CAPD avaliará o Plan de Investigación, xunto cos informes que a tal efecto deberán emitir o titor/a e/ou o director/a, e o documento de actividades. A avaliación positiva será requisito indispensable para continuar no programa. En caso de avaliación negativa, o estudante elaborará un novo Plan que será avaliado no prazo de seis meses. En caso de nova avaliación negativa, causará baixa definitiva no programa.

Tamén podes consultar o Regulamento de Estudos de Doutoramento da UDC, Artigo 30: Plan de investigación.

Accións para a mobilidade do estudantado

A UDC mantén convenios de mobilidade de estudantes con universidades e institucións de educación superior de catro continentes. Cada curso académico publícanse varias convocatorias de mobilidade de estudantes para que estes poidan cursar parte dos seus estudos nunha desas institucións (un semestre ou un ano académico completo), obtendo pleno recoñecemento académico ao seu regreso no expediente UDC do estudante.

Nesas convocatorias publícanse as prazas das que a UDC dispón para ofrecer aos estudantes dos distintos centros e, no seu caso, as condicións específicas de cada unha delas. Do mesmo xeito, todos os anos convócanse bolsas para financiar a realización de prácticas no estranxeiro por parte dos estudantes

As prácticas serán tamén recoñecidas como parte do seu expediente académico ou no suplemento europeo ao título. O estudante é libre para buscar a empresa ou institución de destino do EEES na que desexa facer as prácticas. A estes efectos, a UDC ten un taboleiro virtual no que se publican as ofertas que chegan ao seu coñecemento.

As convocatorias de mobilidade xestiónanse conxuntamente nos centros de procedencia dos estudantes, baixo a dirección dos Responsables de Relacións Internacionais dos centros, e na Oficina de Relacións Internacionais da Universidade (ORI). Os requisitos xerais para acceder a unha praza de mobilidade, os dereitos e obrigacións dos estudantes, así como o procedemento para conceder as prazas regúlanse no Regulamento de Mobilidade da UDC.